Ana Méndez entrega o certificado de Galicia Calidade a BandePellet pola excelencia na produción de biomasa

A xerente da marca de garantía da Xunta de Galicia puxo en valor o labor desta empresa ourensá na fabricación de pellets de madeira 100% de piñeiro, sen aditivos e cun forte compromiso social e ambiental

Galicia Calidade
Bandepellet

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, desprazouse hoxe ata as instalacións de BandePellet, situadas en Pontedeva (Ourense), para facer entrega do certificado que acredita o uso da marca de garantía da Xunta de Galicia. Trátase dun recoñecemento ao traballo desta empresa galega dedicada á produción de pellets de madeira de alta calidade, elaborados exclusivamente con serradura e estela de piñeiro procedente dos montes de proximidade, que se atopan  nun radio de 200 km da fábrica.

A responsable de Galicia Calidade destacou “a innovación e tecnificación da planta levada a cabo dende o 2022, que lle permite producir arredor de 30.000 toneladas de pellets ao ano ofrecendo un produto accesible, renovable e respectuoso co medio ambiente”. Dende o ano 2023 a planta ten a certificación Enplus, referente europeo na calidade dos pellets, e conta cun sistema de xeración eléctrica-ORC que reforza a súa aposta pola eficiencia enerxética.

BandePellet emprega materia prima da zona, seca a estela e a serradura a baixa temperatura para conservar as propiedades da madeira, e realiza todo o proceso de peletizado sen aditivos, garantindo un alto poder calorífico e baixa emisión de residuos. No 2024, recibiu o premio “Empresa Sostenible” outorgado pola Confederación Empresarial de Ourense, en recoñecemento ao seu compromiso ambiental e o uso de enerxías renovables durante a súa produción dun combustible limpo e respectuoso con medioambiente.

Durante a entrega do certificado, Ana Méndez indicou que a posesión do selo de garantía permitirá á empresa engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial, así como incluír a nova sinalización na súa fachada.

instagram facebook twitter youtube