.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, puxo en valor a I Feira do ovo campeiro de Melide como expoñente que exemplifica e contribúe a visualizar os resultados da unión entre tradición, calidade e sostibilidade no sector agroalimentario.
Acompañada da directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, a conselleira participou no acto de benvida aos asistentes na feira e na visita ás novas instalacións no municipio de Ecocentro SC, promotora do evento e empresa galega referente na produción de ovos de galiñas en liberdade. De feito, os seus produtos están certificados por Galicia Calidade, en concreto, os que se comercializan baixo a marca Ovo da avoa.
Cunha traxectoria de tres décadas no sector, Ánxeles Vázquez salientou a aposta desta sociedade avícola por un “produto de sempre” pero aproveitando a aplicación da tecnoloxía para ofrecer aos consumidores “a máxima calidade”. Ademais, tamén puxo en valor o compromiso medioambiental da firma, avalado tanto polos seus propios sistemas de produción ecolóxica como polo emprego de enerxías renovables para xerar electricidade e auga quente coas que abastecer as súas propias instalacións.
Por último e tras salientar o carácter solidario desta I Feira do ovo campeiro (cuxa recadación se destinará a entidades e comedores sociais), a conselleira rematou a súa intervención agradecendo a elección de Melide para criar “o mellor ovo campeiro fresco” e para acoller unha festa á que lle desexou grandes éxitos e moitas edicións no futuro.
Cómpre destacar que a Consellería do Medio Rural concedeu axudas a Ecocentro SC por valor de 1,33 millóns de euros, especialmente para a transformación e comercialización de produtos agrarios e a plans de mellora das súas instalacións.