Galicia Calidade certifica xa os produtos da compañía de Rianxo Conservas Cortizo

.

Galicia Calidade
institucional
Conservas Cortizo

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregoulle o certificado de uso da marca de garantía da Xunta de Galicia aos responsables de Conservas Cortizo, nun acto que se desenvolveu na sede da empresa, situada no concello de Rianxo (A Coruña), onde se atopa a factoría na que se fabrican todos os seus produtos.

Nesta xuntanza, a responsable de Galicia Calidade, organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, detallou que a obtención do selo de garantía permitirá á empresa incluír a nova sinalización coa que se identifica nas súas fachadas ás empresas adheridas a Galicia Calidade, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.

Ana Méndez eloxiou a aposta pola calidade desta empresa, que ten como principal obxectivo a seguridade do consumidor, motivo polo cal crearon o seu propio laboratorio de control de calidade. Na actualidade conta con máis de 70 traballadores e unha facturación que ronda os 10 millóns de euros anuais.

As orixes de Conservas Cortizo proveñen dunha antiga fábrica existente no castelo do municipio, chamada Conserveira de Rianxo. No ano 1975 esta empresa trasladouse ao emprazamento actual co obxectivo de ampliar e modernizar a produción.

instagram facebook twitter youtube