O restaurante ‘EL Oviedo’ de Ribadeo recibe o selo Galicia Calidade pola súa aposta pola cociña sostible e de proximidade

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregaron o distintivo que acredita a súa excelencia e innovación e o uso de produtos galegos

 

Galicia Calidade
Entrega certificado Galicia Calidade a El Oviedo

O restaurante El Oviedo, un dos referentes da gastronomía galega no norte de Lugo, foi distinguido co selo Galicia Calidade, que recoñece aos establecementos comprometidos coa excelencia, a autenticidade e a posta en valor dos produtos galegos.

A entrega do distintivo tivo lugar no propio restaurante, nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez. Ambos destacaron que a concesión deste selo recoñece o compromiso constante do restaurante coa calidade e coa defensa do produto local, así como a súa contribución á posta en valor da gastronomía galega.

Recomendado pola Guía Repsol, o restaurante destaca pola súa cociña contemporánea, baseada en produtos de proximidade e na economía circular. O seu equipo aposta por unha xestión responsable e polo aproveitamento integral dos recursos, convertendo estes valores nun sinal de identidade.

Javier Arias sinalou que a marca Galicia Calidade “prestixia os nosos produtos e servizos, e con elo fortalece a nosa posición no mercado turístico nacional”. Explicou que o restaurante poderá empregar este distintivo nas súas accións de comunicación e promoción, así como na nova sinalización exterior do establecemento, reforzando a súa imaxe como símbolo de confianza, autenticidade e bo facer galego.

Pola súa banda, a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, puxo en valor “a traxectoria exemplar de El Oviedo, un establecemento con máis de medio século de historia que soubo evolucionar mantendo intacta a esencia da cociña galega”. Subliñou que "El Oviedo é un exemplo de como o respecto polas raíces pode convivir coa innovación e coa modernidade. A súa incorporación á familia Galicia Calidade é unha garantía para o consumidor e un orgullo para todos nós".

 

instagram facebook twitter youtube