.
A directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, participou nunha mesa redonda do sector agroalimentario e vitivinícola, dentro do programa Ultreia Ourense, organizado pola Confederación de Empresarios de Ourense en colaboración coa Xunta de Galicia onde tamén se falou dos retos do emprendemento no ámbito do turismo. A información recabada en todas as mesas celebrada dará lugar a un informe de conclusións que se presentarán nas vindeiras semanas.
Na mesa de traballo tamén se analizaron os retos futuros do sector entre os que se destacaron o envellecemento da poboación, a fragmentación do sector, a sostenibilidade, a internacionalización, os custes de producción e a falla de innovación. Así mesmo, tamén se puxeron en valor as oportunidades coas que conta o sector para a súa diferenciación e crecementos nos vindeiros exercicios. A aposta pola calidade, apoiados na marca de garantía Galicia Calidade dependente de Turismo de Galicia, acompañada da innovación, a especialización e a sostenibilidade son eixos principais nos que as empresas do sector deben mirarse para fortalecer o seu crecemento.
Turismo gastronómico e enoturismo
No encontro tamén se destacou o potencial turístico dentro do sector da alimentación e o viño, apostando por un turismo gastronómico e polo enoturismo, nunha provincia con gran potencial nas súas zonas vitivinícolas como o Ribeiro, Valdeorras, Monterrei ou a Ribeira Sacra, que atrae a turistas interesados na cultura do viño e a gastronomía.
Como se indicou, a experiencia de visitas a adegas, con catas maridaxes pode supoñer un potencial para as comarcas, atraendo a visitantes doutros puntos da xeografía española ou internacionais que dinamicen a economía local e ofrezan unha fonte adicional de ingresos para os produtores. Así mesmo, tamén o agroturismo, unha conexión entre os consumidores coa orixe dos alimentos, fomentando as visitas a granxas e explotacións rurais, que xera novas fontes de ingresos e reforza o vínculo entre os produtores locais e os turistas.