A Xunta destaca o talento dos estudantes de Panadaría e Pastelaría no I Concurso 'Memorial Eneas'

A directora xeral de FP e a directora de Galicia Calidade subliñan a aposta do Goberno galego coa formación en hostalaría e alimentación

Galicia Calidade
I Concurso de Panadaría e Pastelaría

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e a directora de Galicia Calidade, Ana Méndez, asistiron hoxe á primeira edición do Concurso de Panadaría e Pastelaría Memorial Eneas, organizado polos departamentos de Hostalaría e Turismo e de Industrias Alimentarias do Instituto IES Sanxillao. O evento reúne estudantes de diversas escolas que imparten estes estudos para promover o intercambio de coñecementos e habilidades entre os futuros profesionais do sector.

Nesta primeira edición alzouse co primeiro premio o Centro Integrado de FP CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), mentres que o segundo premio foi para a Escola de especialidades da estación naval da Graña (Ferrol) e o terceiro para o Colexio CPR Belarmino Fernández Iglesias (Sober).

No campionato, Eugenia Pérez salientou o talento dos participantes e subliñou a importancia de apoiar e fomentar o desenvolvemento destas habilidades para o futuro da industria alimentaria en Galicia.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o compromiso da Xunta coa formación en panadaría e pastelaría, procurando a inserción laboral e a cobertura da demanda de profesionais cualificados. Neste sentido, sinalou que centros como o Instituto IES Sanxillao reforzan a súa oferta con ciclos formativos que responden ás necesidades do mercado. “O noso obxectivo é consolidar unha formación de calidade, aliñada coas esixencias do sector e cunha clara vocación de futuro”, afirmou a directora xeral.

Durante a súa intervención, Eugenia Pérez puxo en valor a elevada demanda das ensinanzas de Formación Profesional, tanto por parte do alumnado como das empresas, que buscan profesionais preparados para incorporarse ao mercado laboral. Neste contexto, refírese ao novo Plan FPGal360, unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca reducir o abandono escolar e atraer ao sistema educativo a persoas con baixa cualificación.

Pola súa banda, a Directora Xerente de Galicia Calidade destacou a importancia de dar a coñecer os produtos certificados polo selo aos futuros profesionais, unha labor que vimos realizando nos últimos anos. Neste caso, centrámonos nos produtos de panadería e pastelería como a nata, ovos, queixos ou leite de recoñecidas marcas galegas de calidade.

I Concurso de Panadaría e Pastelaría 'Memorial Eneas'

Durante esta xornada, estudantes de centros como o Centro Integrado de FP CIFP Carlos Oroza, CIFP Compostela, o Centro Integrado de FP CIFP Manuel Antonio, o Centro Integrado de FP CIFP Paseo das Pontes, o Centro Integrado de FP CIFP Fraga do Eume, o Centro Integrado de FP CIFP Vilamarín, o Instituto IES de Foz, o Centro de Formación Profesional CPR Belarmino Fernández Iglesias e a Escola de Hostalaría da ESENGRA, ademais do propio Instituto IES Sanxillao, poñen a proba as súas destrezas na elaboración de produtos de panadaría e pastelaría. Os participantes optan a premios valorados entre 150 e 700 euros, que lles permitirán adquirir material especializado e seguir ampliando a súa formación.

instagram facebook twitter youtube