Inicio / Noticias / Notas de prensa / A Adega Castro Baroña consegue dous premios no concurso AWC Viena
06/10/2010.

A Adega Castro Baroña consegue dous premios no concurso AWC Viena

O seu caldo “Lagar do Castelo” acadou a medalla de prata

A adega pontevedresa Castro Baroña, recentemente asociada a Galicia Calidade, vén de acadar dous éxitos importantes nun dos concursos internacionais de máis renome, como é o AWC de Viena. En concreto dous dos seus caldos resultaron premiados. O albariño “Lagar do Castelo” acadou a medalla de prata mentres que o tamén viño branco con uva albariño “Castro Baroña” acadou o selo de calidade.

No concurso participaron case 11.000 caldos de máis de 1.700 adegas de 36 países distintos polo que o éxito colleito pola adega resulta preciso destacalo. Castro Baroña é unha adega que naceu no ano 1996 e que se propuxo como obxectivo dende o seu nacemento a realización do mellor albariño. Neste momento, a empresa está a desenvolver unha sólida rede de distribución en España e no estranxeiro que lle permita estar á altura dos mellores. A adega conta con todos os avances tecnolóxicos e con depósitos de aceiro de entre 5.000 e 25.000 litros.

En canto á produción, Castro Baroña conta con acordos cos viticultores da zona do Salnés, propietarios de viñas seleccionadas pola súa alta calidade. Ademais, de xeito paulatino, estanse a incorporar viñedos propios, ubicados nas ladeiras próximas á adega. Para a elaboración dos seus caldos, emprega tan só a variedade albariño nas marcas Castro Baroña, Monte Louro e Lagar do Castelo, conseguindo así mostrar fielmente o carácter da zona do Salnés e da D.O. Rías Baixas.

Nos últimos anos, Castro Baroña conseguiu posicionarse como unha adega cuns caldos moi ben situados tanto dentro de España como no mercado internacional. Este feito vén avalado polos premios recentemente conquistados como a medalla de prata no Concurso Mundial de Bruselas 2010, a medalla de ouro no Wine Masters Challenge 2010, a medalla de prata no Bacchus 2010 ou outras distincións colleitadas en anteriores edicións.

Redes sociales

Multimedia