Inicio / Noticias / Notas de prensa / A exposición ao pé do lar, memorias da cociña recibe máis de 5.000 visitas
01/03/2010.

A exposición ao pé do lar, memorias da cociña recibe máis de 5.000 visitas

A mostra, patrocinada por Galicia Calidade, será itinerada por diversos concellos galegos, comunidades autónomas ou Casas de Galicia no estranxeiro

Máis de 5.000 persoas visitaron durante o mes de febreiro a exposición Ao Pé do Lar, Memorias da Cociña, organizada con motivo da celebración do Fórum Gastronómico de Santiago e que foi patrocinada por Galicia Calidade. A partir de agora, a marca de garantía, que adquiriu a mostra en propiedade, fará unha itineración da mesma por diversos concellos galegos, outras comunidades autónomas e mesmo Casas de Galicia situadas no estranxeiro como pode ser Bos Aires, Alemania ou Suíza. "Ao pé do lar, Memorias da cociña" rinde unha merecida homenaxe a dous mil anos de historia da gastronomía galega. A través de imaxes, sons, cheiros e sabores, os visitantes descubriron o pasado e a evolución da gastronomía de Galicia. Na produción da mostra, que ten por comisario ao profesor da Universidade de Santiago Manuel Gago, participaron máis de 200 persoas.
"Ao pé do lar" céntrase na cociña como espazo doméstico de elaboración de alimentos e, ao mesmo tempo, como un lugar central da cultura galega. A mostra conta con fotografías de gran formato, recreacións 3D, infografías, paneis interactivos e audiovisuais, que permiten pasear pola evolución histórica da gastronomía de Galicia grazas aos retratos de interiores domésticos, realizados polas fotógrafas Maribel Ruiz de Erenchun e Soledad Felloza.

Fórum Gastronómico
Por outro lado, o Fórum Gastronómico de Santiago, evento no que se enmarcaba a exposición Ao Pé do Lar, e que contaba tamén coa colaboración institucional de Galicia Calidade pechou o pasado mércores as súas portas ao público cun éxito sin precedentes. Máis de 17.000 persoas visitaron o Fórum Gastronómico no recinto feiral de Amio entre o 21 e o 24 de febreiro. Isto supón unha media superior ás 4.000 persoas diarias. No ano 2008 o Fórum Gastronómico celebrouse no Pazo de Congresos, un espazo con menor tamaño. Naquela primeira edición do evento en Santiago, que tivo un día máis de duración, o número de visitantes foi de 15.000, cunha media de 3.000 persoas ao día.
Cabe destacara a asistencia ao Fórum Gastronómico de multitude de profesionais dos sectores vinculados á gastronomía: produción, distribución, equipamento, cociña, etc. Os asistentes procedían de toda Galicia, e houbo tamén un número relevante de persoas chegadas de Portugal e outras zonas do Estado.

Entre o luns 22 e o mércores 24, o Fórum Gastronómico estivo adicado a profesionais. Nas actividades dos obradoiros, espazos reducidos onde se fixeron múltiples actividades, participaron 1.800 persoas. No auditorio, cunha capacidade maior, asistiron ás demostracións dos cociñeiros e aos diálogos, máis de 5.000 persoas. No Ateneo, onde entre outras actividades tivo lugar o Mercado do Viño, participaron 700 persoas.
O domingo 20 de febreiro estivo adicado ao público xeral, amante da gastronomía. Nos obradoiros participaron máis de 800 persoas e no auditorio máis de 1.800. Neste domingo tamén participaron 120 rapaces nos diferentes obradoiros gastronómicos para nenos. Nesta edición do Fórum Gastronómico prodúxose un salto cualitativo respecto da edición do 2008, coa introdución do concepto Fórum Cidade, no que se deseñou unha serie de actividades gastronómicas que se desenvolveron en diferentes lugares emblemáticos da cidade, como o Hostal dos Reis Católicos, o Mercado de Abastos ou o Museo do Pobo Galego. Ademais, entre o 21 e o 24 de febreiro, tiveron lugar a feira e o congreso, onde ás actividades da propia organización sumáronse múltiples accións deseñadas por expositores, como as que levaron a cabo as Consellerías de Medio Rural e do Mar no seu stand conxunto.

Redes sociales

Multimedia