Inicio / Noticias / Notas de prensa / A Exposición
12/05/2010.

A Exposición

A mostra, propiedade de Galicia Calidade, estará presente até o vindeiro 31 de agosto na sede pontevedresa

Esta tarde, ás 20.00 horas, a sede da Fundación Caixa Galicia en Pontevedra (Café Moderno. Praza de San Xosé, s/n) acollerá a inauguración de ‘Ao pé do lar: Memorias de cociña’, unha exposición que amosa a evolución destes singulares espazos domésticos ao longo de máis de dous mil anos de historia cultural e de centos de quilómetros de diversidade xeográfica do país, relacionándoas coa alimentación e coas técnicas culinarias de cada época.

A mostra, promovida por Galicia Calidade coa colaboración especial da Fundación Caixa Galicia, ten por obxecto render unha merecida homenaxe a dous mil anos de historia da gastronomía galega.

A través de imaxes, sons, cheiros e sabores, os visitantes poderán descubrir o pasado e a evolución da gastronomía de Galicia nunha montaxe comisariada polo profesor da Universidade de Santiago Manuel Gago na que participaron máis de 200 persoas.

"Ao pé do lar" céntrase na cociña como espazo doméstico de elaboración de alimentos e, ao mesmo tempo, como un lugar central da cultura galega. Na sede da Fundación Caixa Galicia poderanse ver fotografías de gran formato, recreacións 3D, infografías, paneis interactivos e audiovisuais, que permitirán ao visitante pasear pola evolución histórica da gastronomía de Galicia grazas aos retratos de interiores domésticos, realizados polas fotógrafas Maribel Ruiz de Erenchun e Soledad Felloza.

Os visitantes poderán apreciar a diversidade xeográfica e temporal das antigas cociñas, aínda en uso, que son retratadas cos seus propietarios. Ao carón destas imaxes, tamén se poderán explorar as achegas culinarias de cada época. A exposición amosa que a gastronomía galega actual é resultado dun complexo e dilatado proceso cultural.

“Galicia é unha potencia gastronómica. A calidade dos nosos produtos do mar e da terra é indiscutible. Pero cremos que debe ser aínda máis coñecida e recoñecida”, sinala no texto do catálogo da mostra Carlos Vila, director xerente Galicia Calidade.

Pola súa banda, Manuel Gago precisa: “verán espazos domésticos vivos e habitados desde hai séculos; coñecerán a evolución da vella gastronomía galega; descubrirán receitas en camiño de desaparición; comprenderán a súa funcionalidade técnica con infografías e comprobarán”, engade o comisario da mostra, “como a gastronomía e a identidade son campos en constante evolución, unha mestizaxe de elementos foráneos e autóctonos, onde todo o antigo sempre está a piques de alumear algo novo”.

Redes sociales

Multimedia