Inicio / Noticias / Notas de prensa / Economía e Industria incorpora á xoiaría galega ao selo Galicia Calidade co obxectivo de abrir novos mercados baixo o paraugas da excelencia e a innovación
07/02/2011.

Economía e Industria incorpora á xoiaría galega ao selo Galicia Calidade co obxectivo de abrir novos mercados baixo o paraugas da excelencia e a innovación

Con esta iniciativa, a Xunta materializa o seu apoio a un sector produtivo estratéxico en Galicia para a súa promoción interior e exterior

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, vén de asinar un convenio de colaboración co presidente do Colexio Profesional de Xoiaría, Ouribaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia, Óscar Rodríguez Blanco, polo que a partir de agora as pezas elaboradas polos xoieiros galegos e que cumpran cuns requisitos establecidos de calidade poderán contar co selo de Galicia Calidade.

Con esta iniciativa, o departamento autonómico da Xunta de Galicia cumpre co obxectivo de apoiar a un dos sectores estratéxicos de Galicia para avanzar na necesaria internacionalización do noso tecido produtivo e acadar unha maior visibilidade dos nosos produtos da man da innovación, “dous aspectos esquecidos en etapas anteriores, para acadar unha promoción baixo o paraugas de Galicia Calidade, que constitúe unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento económico de sectores moi importantes”.

Javier Guerra destacou que este acordo permitirá a un dos sectores punteiros na comunidade autónoma galega, como é o da xoiería, un maior posicionamento nos mercados nacionais e internacionais, fixando a súa procedencia galega e aumentando o prestixio dos artesáns galegos. Galicia Calidade vén amparando aqueles produtos que presentan algunha diferenciación sobre a súa competencia e no caso das xoias, engadiu, “a calidade das producidas en Galicia polos centos de artesáns que se adican profesionalmente a esto, queda sobradamente clara”.

Ademais, o conselleiro subliñou que a Consellería de Economía e Industria está a facer un esforzo importante por apoiar ás empresas que apostan pola súa internacionalización. Neste senso, Galicia Calidade tamén busca os produtos das empresas galegas que queiran acadar un maior posicionamento con obxectivos de expansións nos mercados nacionais e internacionais.

Requisitos de calidade
As xoias amparadas pola marca de garantía pública deberán estar elaboradas en ouro, prata ou platino para o seu consumo en xoiería, orfebrería, pratería, reloxería e outros usos de similares características. Ademáis, tamén poderán ser amparados polo selo Galicia Calidade os lingotes, placas, cadeas e demáis artigos que sexan comercializados directamente; as obras de arte ou artesanía elaboradas con metais preciosos, así como as copias de moedas ou medallas; os artigos de metais preciosos que formente parte de fabricados con outros materiais, tales como bases, adornos, enseñas, cantos e similares.

Javier Guerra sinalou que os produtos amparados pola Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, deberán estar embalados cun estuche idóneo para a peza da que se trate, acorde coa calidade da xoia. O estuche deberá levar visíbel o logo, marca ou firma do fabricante. Cada xoia irá acompañada dun certificado comprensivo do proceso descritivo da súa elaboración, composición e características da mesma, nome da peza e colección, data de fabricación, nome do fabricante e fotografías que a identifiquen.

As empresas fabricantes de xoiaría e pratería que incorporen o seu produto á utilización da marca de garantía de Galicia Calidade terán o seu centro principal de produción ubicado en Galicia. O taller ou centro de produción estará dirixido por un profesional colexiado, garantía da súa capacitación ou habilitación profesional. Por último, as pezas incorporadas estarán garantidas por un prazo de 3 anos nos que o fabricante terá que dispor dun servizo de postventa con garantía de resposta cunha demora máxima de 15 días.

Para o control do cumprimento desta serie de requisitos de calidade, a marca de garantía pública poderá solicitar ao Colexio Oficial de Xoeiría asesoramento á hora de elaborar as auditorías pertinentes en aras de velar polo correcto uso do selo de Galicia Calidade.

Redes sociales

Multimedia