Inicio / Noticias / Notas de prensa / Galicia Calidade concede o certificado da marca de garantía á casa Brandariz
06/10/2008.

Galicia Calidade concede o certificado da marca de garantía á casa Brandariz

O director xerente Ignacio Louzao, e o delegado provincial da Consellería de Innovación e Industria, Xosé Luís Barcia, fixeron entrega deste distintivo

O director xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao, xunto co delegado provincial na Coruña da Consellaría de Innovación e Industria, Xosé Luís Barcia, acompañados polo alcalde de Arzúa, Xaquín García, fixeron entrega hoxe do certificado da marca de garantía de Galicia Calidade aos propietarios de Casa Brandariz, establecemento de turismo rural situado na localidade de Dombodán, no concello coruñés de Arzúa. No acto procedeuse tamén á sinatura do contrato de licenza de uso da marca.

Na actualidade, son xa catro os establecementos que prestan servizos de hospedaría licenciatarios da marca de garantía de Galicia Calidade, dous do ámbito do turismo rural, como son a propia Casa Brandariz e tamén Casa de Cacheiro, e os hoteis Hotel Augusta Spa Resort **** Superior, e o Hotel Louxo.

Segundo sinalou o director xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao, o ámbito dos servizos de hospedaría é un dos sectores recollidos no Plan Estratéxico nos que Galicia Calidade ten unha presenza importante. Na actualidade, destacou, estanse a redefinir os criterios para que este tipo de establecementos podan ser licenciatarios da marca de garantía. No caso de Casa de Brandariz, os requisito para ser licenciataria baseábanse na posesión da marca Q de Calidade Turística, que outorga o Instituto para la Calidad Turística Española.

Ignacio Louzao afirmou que Galicia Calidade é consciente de que existen en Galicia un número de establecementos que representan un activo económico importante para o medio rural e que dispoñen dunha calidade contrastada como para ser merecedores deste distintivo. Neste senso, engadiu, o desenvolvemento dos servizos de hospedaría vai a repercutir nunha maior dinamización e posta en valor do rural que posibiliten o freo á despoboación do mesmo e que melloren as condicións de vida dos seus habitantes.

Casa Brandariz foi construída no ano 1523 e na actualidade está rehabilitada con materiais propios da zona. Dotado con sete habitacións este establecemento sitúase nun lugar con gran encanto paisaxístico e medioambiental, o que o converten nun establecemento elixido por moitos turistas ao longo do ano.

Redes sociales

Multimedia