Inicio / Noticias / Notas de prensa / Galicia Calidade estará presente na X edición do Fòrum Gastronòmic de Girona 09
05/02/2009.

Galicia Calidade estará presente na X edición do Fòrum Gastronòmic de Girona 09

A marca de garantía contará cun stand de 84 metros cadrados onde estarán presentes todos os produtos adheridos

A gastronomía galega terá unha ampla representación no Fòrum Gastronòmic Girona’09, que se celebrará entre o 21 e o 25 de febreiro. O Fòrum Gastronòmic está considerado o maior evento gastronómico con feira do mundo. Haberá un forte representación de institucións encargadas da promoción dos produtos galegos desde diferentes eidos. Haberá stands da Consellería do Medio Rural, da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, de Galicia Calidade e de Turismo de Santiago. Tamén estarán presentes máis de 50 empresas, produtores, confrarías e marcas galegas, que amosarán en Girona a diversidade e calidade dos produtos galegos e da nosa gastronomía.

A importante presenza galega no Fòrum Gastronòmic Girona’09 presentouse en rolda de prensa no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, na que participaron o Director Xeral de Produción, Industrias e Calidade Alimentaria da Consellería de Medio Rural, Antonio Fernández Oca, o Director Xeral de Estruturas e Mercados Pesqueiros da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, Xosé Manuel López Rodríguez, o Director Xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao, o Concelleiro de Promoción Económica e Turismo do Concello de Santiago, Xosé Manuel Iglesias, e o director do Fòrum Gastronòmic Girona’09, Pep Palau.

O Fòrum Gastronòmic celebra este ano a súa décima edición. Nestes anos, nos que se inclúe a primeira edición do Fòrum Gastronómico Santiago’08, As Cociñas do Atlántico, o evento tense consolidado como un punto de encontro da gastronomía, onde os profesionais poden compartir información sobre tendencias, novos conceptos ou tecnoloxías aplicadas ao sector. Un punto de encontro onde os produtos e a enogastronomía galega teñen cada vez maior presenza. Girona será un gran escaparate ademais para o Fòrum Gastronómico Santiago 2010, no que Turismo de Santiago xa está traballando.

O programa da edición deste ano inclúe varios talleres adicados a produtos e profesionais galegos. Haberá un taller no que se despezará en directo unha tenreira, impartido polo cociñeiro Javier Rodríguez “Taky” –membro do colectivo de cociña Grupo Nove- que elaborará receitas nas que se combinarán tradición e modernidade. Tamén haberá outro taller sobre o mexillón de Galicia, un exemplo de produto sostible, que será impartido por Pepe Solla e Xosé Canas, dos restaurantes Casa Solla e Pepe Vieira Camiño da Serpe, ambos ubicados nas Rías Baixas e posuidores dunha estrela Michelin, que explicarán o traballo dos profesionais que cultivan os mexillóns nas costas galegas.

Ademais, o profesor da Universidade de Santiago, Manuel Gago, impartirá unha charla sobre os Blogs, unha nova dimensión da comunicación gastronómica. Manuel Gago foi o promotor do Código Cociña, un código para a comunicación gastronómica en Internet que se presentou no Fòrum Gastronómico Santiago’09. Tamén Pepe Solla impartirá un taller sobre Gastronomía Sostible.

Redes sociales

Multimedia