Inicio / Noticias / Notas de prensa / Galicia Calidade participa dende hoxe e até o vindeiro mércores no Fórum gastronómico de Girona
21/02/2009.

Galicia Calidade participa dende hoxe e até o vindeiro mércores no Fórum gastronómico de Girona

A marca de garantía contará cun stand de 84 metros cadrados onde se promocionarán os produtos que contan a día de hoxe co selo

Galicia Calidade continúa a realizar actividades para promocionar os produtos que están adheridos ao seu selo de garantía. Dentro destas accións, a marca de garantía participará desde mañá e até o vindeiro mércores no Fórum Gastronómico de Girona, un dos mellores escaparates para os profesionais do mundo da gastronomía e a alimentación.
Con esta iniciativa, os máis de 100 produtos adheridos na actualidade, dun total de 34 empresas, gozarán de presenza pública durante os cinco días nos que se celebra o Fórum. Deste xeito, Galicia Calidade non só traballa na promoción da súa marca de garantía como tal senón tamén en facer visibles aquelas marcas que contan con este selo de garantía. Un stand de 84 metros cadrados recollerá os mellores produtos galegos, aqueles que contan co distintivo de Galicia Calidade.
O Fòrum Gastronòmic celebra este ano a súa décima edición. Nestes anos, nos que se inclúe a primeira edición do Fòrum Gastronómico Santiago’08, As Cociñas do Atlántico, o evento tense consolidado como un punto de encontro da gastronomía, onde os profesionais poden compartir información sobre tendencias, novos conceptos ou tecnoloxías aplicadas ao sector. Un punto de encontro onde os produtos e a enogastronomía galega teñen cada vez maior presenza. Girona será un gran escaparate ademais para o Fòrum Gastronómico Santiago 2010.

O programa da edición deste ano inclúe varios talleres adicados a produtos e profesionais galegos. Haberá un taller no que se despezará en directo unha tenreira, impartido polo cociñeiro Javier Rodríguez “Taky” –membro do colectivo de cociña Grupo Nove- que elaborará receitas nas que se combinarán tradición e modernidade. Tamén haberá outro taller sobre o mexillón de Galicia, un exemplo de produto sostible, que será impartido por Pepe Solla e Xosé Canas, dos restaurantes Casa Solla e Pepe Vieira Camiño da Serpe, ambos ubicados nas Rías Baixas e posuidores dunha estrela Michelin, que explicarán o traballo dos profesionais que cultivan os mexillóns nas costas galegas.

Ademais, o profesor da Universidade de Santiago, Manuel Gago, impartirá unha charla sobre os Blogs, unha nova dimensión da comunicación gastronómica. Manuel Gago foi o promotor do Código Cociña, un código para a comunicación gastronómica en Internet que se presentou no Fòrum Gastronómico Santiago’09. Tamén Pepe Solla impartirá un taller sobre Gastronomía Sostible.

Redes sociales

Multimedia