Inicio / Noticias / Notas de prensa / Galicia Calidade patrocina o II Salón da pataca de Xinzo da Limia
20/11/2010.

Galicia Calidade patrocina o II Salón da pataca de Xinzo da Limia

A empresa limiá asociada a Galicia Calidade Patatas Conde conta cun stand na feira

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, inaugurou esta tarde no Pavillón de Deportes do concello ourensán de Xinzo de Limia o “II Salón Monográfico da Pataca de Galicia”. No acto tamén estiveron presentes o xerente de Galicia Calidade, Carlos Vila; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; o alcalde deste municipio, Antonio Pérez; o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar; e o presidente do Inorde, José Manuel Freire.

Samuel Juárez destacou a consolidación deste certame como cita obrigada para tódolos axentes que participan, de xeito directo e indirecto, na cadea de valor da pataca de Galicia. Deste xeito, engadiu, confírmase o merecido distintivo de calidade con que conta un dos produtos senlleiros do agro galego.

Galicia Calidade colabora activamente con esta iniciativa como calquera outra que tente promocionar o sector alimentario en Galicia. Ademais, hai que destacar que unha das empresas asociadas á marca de garantía, Patatas Conde, contaba cun stand para promocionar a pataca con IXP Pataca de Galicia.

A esta segunda edición estímase que se achegarán preto de 12.000 persoas, que poderán gozar de numerosas actividades. Entre elas, diferentes concursos con este tubérculo de protagonista, coma o concurso de centros decorativos, de tapas sobre a pataca, de fotografía ou, para os máis pequenos, certame de redacción e debuxo infantil. Pero tamén haberá tempo para xornadas técnicas, onde se analicen a problemática do nematodo do quiste da pataca, e diferentes catas. Así mesmo, numerosas exposicións amenizarán este certame xunto con varias exhibicións de condución e manexo de vehículos e maquinaria agrícola.

Varias empresas encargaranse tamén de representar aos distintos eslavóns da cadea. No caso do fitosanitario, haberá catro empresas mentres que no sector almacenista estarán a totalidade dos almacenistas da comarca de A Limia e os acollidos á Indicación Xeográfica Protexida “Pataca de Galicia”. No sector produtor estarán presentes numerosos agricultores, tanto de Galicia como das comunidades de Castela e León, País Vasco, Andalucía e Extremadura.

En canto ao sector produtor e comercializador da pataca de semente, os asistentes poderán pasarse polos stands das máis importantes casas a nivel europeo, tales como Agrico, Meijeir ou Germicopa. A maquinaria tamén terá o seu espazo neste pavillón, coa representación de 11 empresas punteiras no sector. Por último, no que atinxe á Investigación e Desenvolvemento (I+D), asistirán representantes españois, polacos, franceses, húngaros e rumanos.

Convenio de colaboración
Antes de inaugurar este salón, o titular de Medio Rural procedeu á firma dun convenio de colaboración co Consello Regulador da IXP “Pataca de Galicia”, con Julio Gómez Fernández na Presidencia, para a colaboración nas prospeccións nematolóxicas en pataca, outras pragas de corentena e nos programas de control de residuos, por un importe total de 26.042,72 euros.

Entre as actividades a desenvolver en virtude deste acordo están a localización das parcelas e a toma de mostras pertencentes á selección destas mesmas para as prospeccións dos nematodos e pragas de corentena. Os traballos consistirán na recolección da mostra, identificación e elaboración dunha pauta de tratamento. Así mesmo, no caso do Epitrix similaris, avaliaranse cales son os produtos máis axeitados e proporase conxuntamente cales son aqueles nos que é preciso instar ao Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño o seu rexistro como autorizados para esta praga.

Ambas partes colaborarán na elaboración de avisos fitopatolóxicos e divulgación de boas prácticas sanitarias na produción de pataca. Esta cooperación consistirá nun parte fitopatolóxico semanal das principais incidencias e o estado fenolóxico dos cultivos durante o período vexetativo da pataca nas diferentes subzonas da Indicación.

IXP Pataca de Galicia
A protección outorgada pola IXP Pataca de Galicia corresponde ás patacas de consumo da variedade Kennebec, cultivadas segundo as prácticas de cultivo tradicionais do xeito máis esmerado para acadar unha calidade óptima. Os tubérculos comercializados co amparo desta indicación xeográfica presentan unha forma entre redonda e oval, con presenza de ollos moi superficiais, pel de aparencia lisa e fina e de cor amarela clara. As zonas de produción, almacenamento e envasado están constituídas polos terreos aptos e ubicados nas subzonas de Bergantiños (A Coruña), Terra Chá-A Mariña e Lemos (Lugo) e A Limia (Ourense).

En cifras, son máis de setecentos os produtores amparados por esta Indicación, cunha produción controlada que en 2009 superou os quince mil quilos, xerándose un volume económico de máis de dous millóns de euros no último exercicio.

Redes sociales

Multimedia