Inicio / Noticias / Notas de prensa / Galicia Calidade patrocina unha nova edición de Santiago(é)tapas
12/05/2009.

Galicia Calidade patrocina unha nova edición de Santiago(é)tapas

O evento terá lugar entre o 25 de xuño e o 12 de xullo en Santiago de Compostela

Galicia Calidade patrocinará por segundo ano o concurso de tapas Santiago(é)tapas organizado pola Concellaría de Turismo de Santiago de Compostela e que terá lugar entre os vindeiros 25 de xuño e 12 de xullo na capital galega.

Durante o evento, o xurado outorgará un premio á tapa Galicia Calidade, onde mellor se visualice o emprego de produtos galegos e de calidade. Con esta iniciativa, a marca de garantía pretende potenciar o uso da materia prima galega na elaboración da nosa tan prezada gastronomía.

Nesta segunda edición, Santiago(é)tapas consolídase como un concurso de gran incidencia e aceptación en Galiza. Na primeira edición participaron 45 establecementos do municipio con 113 tapas, cun consumo que se achegou ás 20.000 tapas vendidas.

Novidades desta edición
SANTIAGO(é)TAPAS dividirá de novo a cidade en diferentes rutas a través do Tapasporte, unha guía onde os estabelecementos porán os seus selos. Este ano créase o Tapasporte para Empresas, que nace coa idea de ser unha ferramenta que permita “facer equipo” dentro das empresas e poder lanzar paquetes turísticos para empresas de fóra do Concello. O Tapasporte colectivo poderá ser solicitado por grupos de entre cinco e vinte persoas pertencentes a unha mesma empresa. O grupo da empresa máis participativa recibirá unha estadía nun estabelecemento da empresa compostelá Pousadas de Compostela.

Turismo de Santiago, co obxectivo de resaltar a importancia que ten para un destino turístico como Santiago de Compostela a calidade no servizo que se presta nos estabelecementos hostaleiros, crea este ano o Premio do Público “(é)xcelente 09”, no que os consumidores das tapas poderán votar a atención recibida no estabelecemento e as súas instalacións. O premio está dotado con 1.500 euros máis un diploma e un agasallo.

Outra novidade é a creación dun xurado de preselección das tapas que se presenten a concurso, coa finalidade de incentivar a cultura das tapas e fomentar a calidade das mesmas. Este xurado comprobará que as propostas presentadas resposten ao concepto de “tapa” e non serán aceptadas as que en realidade sexan “racións” ou “medias racións”, as que non ofrezan unha calidade mínima e aquelas cuxa relación calidade-prezo non sexa axeitada. Tampouco serán válidas aquelas tapas que habitualmente se sirven de balde nos estabelecementos, aínda que se fagan pequenas modificacións nas mesmas.

Os estabelecementos interesados en participar teñen de prazo para presentar a súa inscripción ata o 17 de maio. O número máximo de estabelecementos permitidos será de 50. A inscripción se fará por orde de inscripción. Cada estabelecemento poderá presentar ata tres tapas, que deberán ter un prezo de entre medio euro e tres euros. Tamén como novidade deste ano, as tapas deberán servirse como mínimo entre as 13.00 e as 15.00 horas e as 20.30 e 23.00 horas. Os teléfonos onde solicitar información son o 981 93 53 45 e o 981 56 91 94.

SANTIAGO(é)TAPAS conta co Patrocinio privado de Estrella Galicia, o Patrocinio institucional de Galicia Calidade e a colaboración da Asociación Hostelería Compostela, a Praza de Abastos, o Grupo El Correo Gallego, Pousadas de Compostela e AirBerlín.

Redes sociales

Multimedia