Inicio / Noticias / Notas de prensa / Galicia Calidade presenta Creatividade Galega 08, unha publicación que recolle os traballos de deseñadores e publicistas galegos
20/01/2009.

Galicia Calidade presenta Creatividade Galega 08, unha publicación que recolle os traballos de deseñadores e publicistas galegos

Nesta edicións recopílanse máis dun milleiro de traballos dun total de 80 axencias, 5 escolas de arte e 2 facultades

O xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao, presentou hoxe en Compostela a terceira edición do anuario Creatividade Galega. Esta publicación recolle máis dun milleiro de traballos desenvolvidos ao longo do ano pasado por máis de 80 das mellores axencias de publicidade galegas así como das Escolas de Deseño e Facultades do gremio. No acto, ao que asistiron representantes das empresas participantes no anuario, estiveron presentes tamén os seus autores, os investigadores e profesores da Universidade de Vigo Eva Quintas, Chechu Pérez e Alberto Dafonte.

Segundo indicou Xabier Ignacio Louzao, esta publicación nace coa idea de dar visibilidade ás creadoras e aos creadores galegos nun momento no que o seu traballo está sendo recoñecido tanto no noso país como no Estado. O xerente de Galicia Calidade, entidade responsábel da edición de Creatividade Galega, destacou a importancia que ten para as empresas galegas posicionar os seus produtos nos mercados exteriores e ir así confeccionando un tecido no que a industria, baseada no desenvolvemento e na innovación, sexa un piar fundamental na economía do noso país.

Ademais, sinalou, nunha época de globalización e internacionalización é preciso reforzar e reafirmar os nosos valores como país, a imaxe de marca de Galiza. Porque tan importante é mirar cara a fóra como ao interior. E con esta idea coa que nace Creatividade Galega, que nesta terceira edición, pretende facer unha recompilación de todos os traballos realizados por publicistas e deseñadores galegos, co fin de por en valor a súa produción creativa.

Crear identidade propia
Louzao quixo tamén resaltar o momento especial que viven a creatividade e a innovación, converténdose na actualidade en forzas impulsoras da nosa economía e sociedade. Ao seu xuízo, no mundo globalizado o futuro apoiase na capacidade de crear e tamén na de crear identidade propia. Polo tanto, as sociedades necesitan consolidar o seu capital creativo, resumiu.

Xa para rematar, o máximo responsábel de Galicia Calidade apostou por afianzar esta publicación como unha plataforma onde as axencias galegas exhiban a súa potencia creativa. Nesta terceira edición, concluíu, Creatividade Galega conta cun maior número de empresas que a edición anterior o cal consolida o seu papel de cara aos vindeiros anos.
Hai que destacar que nesta edición, Creatividade Galega conta coa implicación de dúas asociacións de profesionais do sector como don a Asociación Galega de Deseñadores (DAG) e a Asociación Provincial de Axencias de Publicidade de Pontevedra (APAP).

Pola súa banda, Chechu Pérez, un dos autores do libro, destacou o aumento que cada ano vai tendo esta publicación tanto no número de traballos enviados como tamén na presencia definitiva no catálogo. Nesta edición, reseñou, contamos con máis dun milleiro de traballos dun total de 80 axencias, 5 escolas de deseño e dúas facultades do gremio.

Redes sociales

Multimedia