Inicio / Noticias / Notas de prensa / Galicia Calidade realizará degustacións de produtos adheridos á súa marca durante a Feira Internacional da Pedra Natural
23/04/2008.

Galicia Calidade realizará degustacións de produtos adheridos á súa marca durante a Feira Internacional da Pedra Natural

O conselleiro de Innovación e Industria presentou onte un convenio de colaboración co sector de 500.000 euros

Galicia Calidade promocionará unha vez máis os produtos adheridos á súa marca cunha degustación dos mesmos durante a celebración da sétima Feira Internacional da Pedra Natural que se celebrará dos vindeiros 7 ao 10 de maio en Madrid.

Deste xeito, a Asociación Galega de Fabricantes de Maquinaria para a pedra, a Asociación de Canteiras de Galicia, a Asociación Galega de Graniteiros e a Asociación Galega de Pizarristas contarán cun espazo propio dentro da Feira onde se concentrarán todos os elementos de promoción do sector. A presenza galega, cun espazo de 800 m2, incluirá un stand de cada asociación, espazos propios para outras 14 empresas individuais da cantería, a lousa, o granito e a fabricación de maquinaria, e outro stand común de 75 m2, destinado a área de uso recreativo para os visitantes e dentro do que se poderán degustar produtos de Galicia Calidade.

Convenio de colaboración
O convenio, que conta cunha dotación orzamentaria de 500.000 euros, permitirá deste xeito promocionar os produtos da pedra galega e coñecer novas oportunidades de negocio a nivel internacional. A xuízo de Fernando Blanco, este último aspecto é moi relevante dado que a busca de novos mercados estranxeiros e o potenciamento das exportacións é unha das respostas que o seu departamento lle quere imprimir aos sectores produtivos do país neste novo contexto de menor demanda interna e desaceleración económica.

O titular do departamento autonómico explicou que a Feira –que se celebrará do 7 ao 10 do vindeiro mes de maio– vai ser un escaparate dunhas actividades económicas que teñen un importante peso na economía galega e que posúen unha alta capacidade de exportación. Así, segundo os datos achegados por Fernando Blanco, a produción galega de lousa supón o 70% do volume do Estado, cun nivel de exportación do 80% sobre o producido, mentres que a facturación do granito sobrepasou os 300 millóns de euros en 2007, cun nivel de exportación de 100 millóns de produtos elaborados. Estes datos evidencian a potencialidade da minaría galega de rochas ornamentais, que ten nesta feira unha importante oportunidade de negocio dado que nela daranse cita preto de 1.000 empresas de todo o mundo e máis de 30.000 profesionais e visitantes.

Redes sociales

Multimedia