Inicio / Noticias / Notas de prensa / Galicia Calidade recibe un premio na 1ª cata Vinis terrae de radioturismo
08/06/2010.

Galicia Calidade recibe un premio na 1ª cata Vinis terrae de radioturismo

A adega Gargalo, amparada pola marca de garantía, tamén foi premiada pola calidade do seu viño

O xurado da 1ª Cata Vinis Terrae de Radioturismo queixo facer onte unha distinción pola súa labor de apoio ao sector vitivinícola galego a Galicia Calidade. A marca de garantía recibiu este galardón onte nun acto organizado no marco de Vinisterrae e que estivo presidido pola Directora Xeral de Comercio e Presidenta do Consello de Administración de Galicia Calidade, Nava Castro. No evento tamén estivo presente o xerente de Galicia Calidade, Carlos Vila, que recibiu o premio.

Nava Castro quixo salientar, na súa intervención, o apoio da Xunta de Galicia, nesta ocasión a través de Galicia Calidade e do Igape, a accións como Vinisterrae que teñen por obxectivo a internacionalización dos productos galegos. Todos somos coñecedores, salientou, da calidade dos viños galegos polo que é imprescindíbel situalos nos mercados de España e internacionais.

Pola súa banda, Carlos Vila agradeceu ao xurado da Cata de Vinis Terrae o premio outorgado a Galicia Calidade ao mesmo tempo que reiterou o apoio ás adegas galegas. Neste momento, indicou, contamos con catro adegas que teñen viños amparados pola marca de garantía: Bodegas Ruchel, Adega dos Eidos, Vilarvín e Gargalo.

Esta última adega, Gargalo, situada no concello ourensán de Verín recibiu o premio polo seu caldo Terras do Gargalo sobre Lías (D.O. Monterrei). Os caldos que participaron nesta cata serán trasladados ata Xapón para ser expostos na Mostra Internacional de Viños Españois que se celebrará na cidade nipona de Sakazaki-Shima.

De carácter exclusivamente profesional, a terceira edición de VINIS TERRAE, Salón dos Viños e Licores Galegos de Calidade, pechará hoxe contando coa presenza de distrbuidores nacionais e importadores procedentes de 23 de países potencialmente interesados nos viños e licores galegos: Alemaña, Austria, China, Colombia, Dinamarca, España, Estados Unidos de América, Guatemala, Holanda, Malasia, Perú, Polonia, Portugal, Reino Unido, Singapur, Suíza e Xapón. Ademais, asistirán ó salón axentes que exportan a Bélxica, Canadá, Finlandia, Noruega, Rusia e Suecia.

Unha das novidades desta edición é a incorporación de Perú e Colombia. Trátase da primeira vez que asisten ó salón importadores destes países, considerados mercados en pleno crecemento e que poden converterse a medio prazo nun destino interesante para os produtos agroalimentarios galegos, entre os que destacan o viño e os licores, grazas aos distintos convenios de cooperación existentes entre estes países e a Unión Europea para ir liberando paulatinamente os aranceis.

Redes sociales

Multimedia