Inicio / Noticias / Notas de prensa / Gustavo Veloso acada o primeiro triunfo galego na Volta a España 2009
08/09/2009.

Gustavo Veloso acada o primeiro triunfo galego na Volta a España 2009

O ciclista do Xacobeo Galicia, equipo que conta co patrocinio de Galicia Calidade, logrouse impoñer na etapa que rematou na cima do Xorret do Catí

O ciclista de Vilagarcía de Arousa, Gustavo César Veloso, trouxo onte para Galicia o primeiro triunfo na volta a España 2009. Na novena etapa disputada onte, que discurría entre Aolcoi e o alto de Xorret do Catí, un itinerario con sete portos de Montaña, Veloso culminou vitorioso unha fuga de sete corredores á que se incorporou sobre o quilómetro vintetrés.

Deste xeito, o Xacobeo Galicia, equipo patrocinado por Galicia Calidade, continúa a dar boa mostra do seu estado de forma a pesar dos contratempos cos que está a pelexar nesta edición da Volta a España, despois da caída multitudinaria onde se viron implicados varios membros da escadra galega.

Foi a subida ao Xorret do Catí, un porto curto, pero moi duro, coa cima situada a tres quilómetros de meta, onde Gustavo C. Veloso puido desfacerse dos seus compañeiros de fuga a base de sangue frío, fortaleza e estratexia, para presentarse en solitario na liña de meta.

Nunha subida abarrotada de público, con ramplas que alcanzan nalgúns puntos desniveles do vinte por cento, e cun insoportable cheiro a embragues queimados dos coches de equipo, Veloso deixou que a fogosidade de Taaramae e as ansias de triunfo de De la Fuente camiñasen por diante desde as primeiras ramplas. O ciclista do Xacobeo Galicia non fixo ademán de seguilos. Continuou ao seu ritmo, sen preocuparse dos seus rivais, aos que acabou superando antes de chegar á cima do porto.

Os segundos de vantaxe conseguidos no alto foron suficientes para lanzarse a pola vitoria nos tres quilómetros de descenso ata meta, que cruzou con 21 segundos de vantaxe sobre Marzano, segundo; e con 40 sobre Alejandro Valverde. Coas bonificacións conseguidas en meta, o murciano é o novo líder da carreira, con sete segundos sobre Evans.

Ezequiel Mosquera, aínda que cedeu 32 segundos con respecto a Valverde neste final explosivo de Xorret do Catí, subiu un posto na xeral. Sitúase agora oitavo e mantén as súas aspiracións de podio. Por equipos o Xacobeo Galicia tamén completou unha gran xornada, acabando segundo.

É precisamente o líder do Xacobeo Galicia o primeiro en resaltar sempre as calidades deportivas e humanas de Gustavo C. Veloso. "Ás veces sábeme mal ver que se estea sacrificando por min un ciclista que ten unha condicións enormes, que podería gañar moitas carreiras se fose máis egoísta", ten comentado Ezequiel Mosquera.

"É un corredor cunha gran visión de carreira", adoita dicir Álvaro Pino. "De feito, é o ‘xefe de operacións’ do equipo dentro do pelotón. Hai momentos nos que o director deportivo desde o coche non percibe os movementos que se dan no pelotón, e para esas situacións está Veloso. Xa lle teño dito aos seus compañeiros que o que en carreira lles diga Veloso é coma se llo dixésemos Vidal ou eu", engade o manager - director deportivo do Xacobeo Galicia.

Logo daquel triunfo o ano pasado na Volta a Cataluña, chegou este día de gloria para o ciclista do Xacobeo Galicia na Volta a España. Produciuse por mor dunha escapada que se formou practicamente de inicio. Cinco corredores marcháronse por diante, nunha fuga na que por parte do Xacobeo Galicia intentaran entrar Gustavo Domínguez e Eduard Vorganov.

Redes sociales

Multimedia