Inicio / Noticias / Notas de prensa / Innovación e Industria destina 77.000 euros á incorporación dun novo establecemento da rede de comercio rural galego
16/01/2009.

Innovación e Industria destina 77.000 euros á incorporación dun novo establecemento da rede de comercio rural galego

A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, visitou hoxe o último establecemento incorporado, A de Bernardino, no concello de Pontevedra

A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, visitou esta tarde un novo establecemento adherido á Rede de Comercio Rural Galego, A de Bernardino, situado na parroquia pontevedresa de Bora. No acto de inauguración tamén estiveron presentes a delegada da Consellería de Innovación e Industria en Lugo, Montserrat Prado, o xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao, e o concelleiro de Barrios e Parroquias en Pontevedra, Miguel Vázquez.

Coa posta en marcha de A de Bernardino, son xa tres os establecementos adheridos á Rede de Comercio Rural Galego na provincia de Pontevedra. A comezos do 2008, púxose en marcha o establecemento piloto no concello de Ponte Caldelas, Casa Xustáns, e no día de onte botou andar Casa de Porto na parroquia de Curro, no concello de Barro.

A de Bernardino, un establecemento emblemático desta parroquia pontevedresa e que ten xa máis de 50 anos de historia, contou cunha aportación do departamento autonómico de 77.000 euros para a súa rehabilitación e adaptación aos manuais da Rede de Comercio Rural Galego. A modernización deste establecemento, respectando en todo momento a súa tradición, conlevou unha serie de actuacións tanto no seu interior coma no aspecto exterior.

Habilitouse unha área de almacén, unha área para autoservicio e unha zona de bar, ademais da dotación de equipamento necesario para o servizo de cociña. Dispuxéronse aseos adaptados para a accesibilidade de persoas con discapacidade e, por outro lado, dotouse ao establecemento dun Terminal de Punto de Venta (TPV) e ferramentas de xestión empresarial modernas, que xunto coa formación que recibiron os comerciantes axudan a consolidar a viabilidade deste proxecto. Ademais, tamén se produciu unha actuación integral do seu aspecto exterior dotándoo dunha modernización sen rachar coa súa tradición.

A de Bernardino, que así se chama este establecemento, abre agora as súas portas para dar servizo a unha parroquia rural como a de Bora e facilitar así as condicións de vida ás súas veciñas e veciños, ofertando todos aqueles produtos de primeira necesidade, produtos ecolóxicos, de Artesanía de Galicia así como facilitando o acceso ás novas tecnoloxías. Hai que reseñar que este é o único establecemento de alimentación existente na actualidade na parroquia.

18 establecementos nos vindeiros días
O departamento autonómico investiu na Rede de Comercio Rural Galego un millón e medio de euros ao longo do ano 2008 . Co desenvolvemento da rede a Consellaría quere levar a calidade de vida e dotar de servizos a todas as zonas do noso rural, cumprindo así varios obxectivos, como son: adecuar a oferta comercial ás necesidades da poboación, mellorar a rendibilidade da xestión dos establecementos, crear postos de traballo e dinamizar a economía rural, dotar de novos produtos e servizos ao comercio rural aumentando a súa calidade e comercializar produtos autóctonos e artesanais galegos.

A rede, que contaba até o día de hoxe con catro establecementos piloto repartidos por todo o país, máis os recentemente inaugurados na Pobra do Brollón,na Pastoriza e nas Nogais, os tres na provincia de Lugo, o do concello coruñés de Teo, e o inaugurado onte no concello de Barro, en Pontevedra, e que está promovida pola Dirección Xeral de Comercio da Consellaría de Innovación e Industria, contará cunha rede de tendas repartidas por toda Galiza e que disporán dun servizo de asesoramento de xestión integral –a través de Galicia Calidade–, unha promoción conxunta das mesmas e formación para os seus propietarios e traballadores. O selo de Comercio Rural Galego garante pois a calidade e o cumprimento da normativa dos mesmos e unha garantía de confianza dos produtos ofertados.

A marca Comercio Rural Galego conleva a oferta dunha serie de produtos mínimos comúns a todos os establecementos da rede, entre os que destacan os produtos locais, ecolóxicos e de artesanía alimentaria co fin de que o comercio rural sexa o referente de produtos frescos de calidade. Así, ademais de produtos frescos (hortalizas, verduras, froitas...) e transformados (mel, viño, lácteos, licores), comercialízanse denominacións de orixe galegas, produtos ecolóxicos co selo de Agricultura Ecolóxica de Galiza, produtos da marca Galicia Calidade e Artesanía de Galicia. Canto aos servizos, existen uns mínimos como os de café-bar, un punto de información turística, un punto de acceso a internet e a posibilidade do pagamento con tarxeta.

Nos vindeiros días un total de oito tendas máis serán postas en marcha repartidas por todo o país. Deste xeito, a Rede de Comercio Rural Galego contará a finais deste mes cun total de 18 establecementos adheridos, dotando así a milleiros de galegas e galegos de máis e mellores servizos no rural galego.

Redes sociales

Multimedia