Inicio / Noticias / Notas de prensa / Innovación e Industria inviste 72.000 euros na posta en marcha dun novo establecemento da rede de comercio rural galego
30/12/2008.

Innovación e Industria inviste 72.000 euros na posta en marcha dun novo establecemento da rede de comercio rural galego

O conselleiro nacionalista Fernando Blanco visitou o novo establecemento adherido, situado no concello lucense da Pastoriza

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, visitou esta mañá un novo establecemento adherido á Rede de Comercio Rural Galego, Casa Zapateiro, situada no concello lucense da Pastoriza. Nos vindeiros días, outros doce establecementos máis estarán en funcionamento repartidos por todo o país, co que a Rede de Comercio Rural Galego contará xa con 18 tabernas adheridas. No acto de inauguración tamén estiveron presentes o delegado da Consellería de Innovación e Industria en Lugo, Ramón Jesús Cortés, e o xerente de Galicia Calidade, Xabier Ignacio Louzao.

En concreto, no establecemento inaugurado hoxe na Pastoriza a Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, achegou un total de case 72.000 euros da inversión total, que ascendía a 103.000 euros. No proxecto de rehabilitación tívose en conta a definición do local para un incremento da oferta de produtos e servizos e para a adaptación ás novas formas de consumo do rural.

Habilitouse unha área de almacén, unha área para autoservicio e unha zona de bar. Dispuxéronse aseos adaptados para a accesibilidade de persoas con discapacidade e, por outro lado, dotouse ao establecemento dun Terminal de Punto de Venta (TPV) e ferramentas de xestión empresarial modernas, que xunto coa formación que recibiron os comerciantes axudan a consolidar a viabilidade deste proxecto. Ademais, tamén se produciu unha actuación integral do seu aspecto exterior dotándoo dunha modernización sen rachar coa súa tradición como casa emblemática da parroquia pastoricense de Bretoña.

Casa Zapateiro, que así se chama este establecemento, conta con máis dun século de existencia e con gran tradición e sona no concello da Pastoriza. Con esta é xa a terceira xeración que rexenta un negocio no que desde fai máis de 50 anos deu servizo a todos os veciños de Bretoña e dos arredores. Nun principio, Casa Zapateiro era una cantina, que ademais de ter taberna e tenda, tamén dispoñía de servizo de reparación de calzado, de aí o seu nome. Ademais, como local social da parroquia contaba cun salón de baile nas dependencias nas que hoxe se destinan a vivenda ademais de servizo de hospedaxe e de restauración. Estas características son as que fan preciso, por parte da Consellería de Innovación e Industria, da recuperación dun dos locais máis tradicionais da comarca da Terra Chá.



Máis e mellores servizos para o rural
O departamento autonómico investiu neste proxecto un millón e medio de euros ao longo do ano 2008 . Co desenvolvemento da rede a Consellaría quere levar a calidade de vida e dotar de servizos a todas as zonas do noso rural, cumprindo así varios obxectivos, como son: adecuar a oferta comercial ás necesidades da poboación, mellorar a rendibilidade da xestión dos establecementos, crear postos de traballo e dinamizar a economía rural, dotar de novos produtos e servizos ao comercio rural aumentando a súa calidade e comercializar produtos autóctonos e artesanais galegos.

A rede, que contaba até o día de hoxe con catro establecementos piloto repartidos por todo o país, máis o recentemente inaugurado na Pobra do Brollón, en Lugo, e que está promovida pola Dirección Xeral de Comercio da Consellaría de Innovación e Industria, contará cunha rede de tendas repartidas por toda Galiza e que disporán dun servizo de asesoramento de xestión integral –a través de Galicia Calidade–, unha promoción conxunta das mesmas e formación para os seus propietarios e traballadores. O selo de Comercio Rural Galego garante pois a calidade e o cumprimento da normativa dos mesmos e unha garantía de confianza dos produtos ofertados.

A marca Comercio Rural Galego conleva a oferta dunha serie de produtos mínimos comúns a todos os establecementos da rede, entre os que destacan os produtos locais, ecolóxicos e de artesanía alimentaria co fin de que o comercio rural sexa o referente de produtos frescos de calidade. Así, ademais de produtos frescos (hortalizas, verduras, froitas...) e transformados (mel, viño, lácteos, licores), comercialízanse denominacións de orixe galegas, produtos ecolóxicos co selo de Agricultura Ecolóxica de Galiza, produtos da marca Galicia Calidade e Artesanía de Galicia. Canto aos servizos, existen uns mínimos como os de café-bar, un punto de información turística, un punto de acceso a internet e a posibilidade do pagamento con tarxeta.

Nos vindeiros días un total de doce tendas máis serán postas en marcha repartidas por todo o país. Deste xeito, a Rede de Comercio Rural Galego contará a finais deste ano cun total de 18 establecementos adheridos, dotando así a milleiros de galegas e galegos de máis e mellores servizos no rural galego.

Redes sociales

Multimedia