Inicio / Noticias / Notas de prensa / Javier Guerra destaca o apoio do IGAPE a Augas de Mondariz con 1,57 millóns de euros para impulsar a competitividade dunha “empresa que é exemplo de calidade”
29/09/2010.

Javier Guerra destaca o apoio do IGAPE a Augas de Mondariz con 1,57 millóns de euros para impulsar a competitividade dunha “empresa que é exemplo de calidade”

O conselleiro de Economía e Industria apoia o plan de crecemento da empresa, que aposta pola apertura de novos mercados e o lanzamento de novos produtos

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, explicou hoxe que “o Igape apoia aos proxectos empresariais solventes”, de xeito que ten aprobado a concesión de 1,57 millóns de euros destinados fundamentalmente a apoiar as iniciativas de mellora competitiva e expansión dos produtos da empresa Augas de Mondariz, que considerou “un exemplo de aposta continua pola mellora da calidade”

Guerra sinalou que dende o Igape apoiarase a adquisición de novos bens de equipo que permitirán incrementar a capacidade produtiva da empresa. O proxecto presentado está enmarcado dentro do plan de crecemento da empresa que aposta pola apertura de novos mercados e o lanzamento de novos produtos.

A ampliación de mercados que pretende acometer a empresa vai dirixida a novos mercados estranxeiros e tamén ao mercado nacional: cadeas de alimentación e outras canles alternativas. Ademais, os investimentos, apoiados dende a Consellería de Economía e Industria, permitirán incrementar a capacidade de produción e minimizar os tempos de espera produtivos .

Galicia Calidade
Ademais, Guerra recordou que “unha parte fundamental da estratexia do Goberno galego céntrase en axudar ás empresas a transitar polo camiño cara ao mercado, impulsando todas aquelas iniciativas orientadas a engadir cada vez máis valor aos seus produtos e servizos”.

Neste sentido, apuntou que “Galicia Calidade engloba, a algunhas das mellores e máis importantes marcas de Galicia e, en todo caso, a aquelas que se caracterizan pola excelencia e a calidade da nosa Comunidade”. Augas de Mondaríz conta con varios productos que teñen este distintivo de calidade: Auga mineral natural "Mondariz", Auga mineral natural con gas carbónico engadido "Mondariz", Auga mineral natural "Fonte do Val" e Auga mineral natural con gas carbónico engadido "Fonte do Val".

O responsable da Consellería de Economía e Industria sinalou que “Galicia Calidade está a traballar para potenciar a difusión e divulgación das empresas e produtos galegos e de calidade”. A Consellería de Economía e Industria quere reforzar a imaxe de “Galicia como garantía de calidade dun produto, unido á súa procedencia”, como sinónimo de “calidade, de cara a diferenciación pola excelencia dos produtos certificados” e máis como xeradora de “confianza e seguridade” nos consumidores.

Redes sociales

Multimedia