Inicio / Noticias / Notas de prensa / Máis do 90 por cento dos produtos adheridos por Galicia Calidade pertencen ao sector agroalimentario e da pesca
11/01/2010.

Máis do 90 por cento dos produtos adheridos por Galicia Calidade pertencen ao sector agroalimentario e da pesca

A marca de garantía conta na actualidade con 33 empresas galegas con máis de 100 produtos certificados

Galicia Calidade ampara na actualidade un abano dos mellores produtos galegos certificados e controlados pola adminitración pública. Dende a súa creación como Sociedade Pública no ano 1995, Galicia Calidade foise consolidando como a marca de garantía por excelencia, que se pode comprobar nos estudos que certifican que é a marca autonómica con maior recoñecemento en toda España.

A sociedade pública certificadora conta cun total de 33 empresas que teñen adheridos máis de 100 dos mellores produtos galegos. Por sectores, destaca que máis do 90 por cento destes produtos pertenzan ao sector agroalimentario e da pesca. Completan o abano de produtos o sector industrial e o sector servizos.

Dende a Consellería de Economía e Industria se están a abordar retos e obxectivos ambiciosos para esta marca, que pasan por acadar unha maior proxección internacional, nos mercados europeos, asiáticos ou americanos; até amparar máis e, sobre todo, aos mellores produtos fabricados en Galicia e por empresas galegas.

Un dos obxectivos prioritarios desta iniciativa é que o consumidor saiba que os produtos adscritos á marca Galicia Calidade teñen plenamente certificada a súa calidade, xa que este distintivo supón unha diferenciación deses produtos como os mellores de Galicia, por unha banda pola propia calidade intrínseca dos mesmos e, pola outra, polo feito de estar avalados coa superación de continuos controis e auditorías por parte da Administración Pública Galega.

Novos retos
Cómpre reseñar que o 2010 preséntase como un período de oportunidades para as empresas galegas, xa que o Xacobeo é un potente reclamo co que se acadará que un gran número de persoas se acheguen a Galicia. Unha ocasión na que dende a Consellería de Economía e Industria se está a facer unha aposta firme por mostrar a calidade e as potencialidades dos produtos adheridos á marca durante a estadía dos turistas en Galicia, ao mesmo tempo que se proxecta a promoción de accións orientadas a fidelizar o seu consumo unha vez regresados aos seus lugares de orixe.

De xeito que Galicia Calidade potencia o consumo dos produtos adheridos a esta marca dentro de Galicia, pero tamén o fai, moi especialmente, no mercado exterior, tanto no resto de España como nos mercados internacionais, creando unha relación beneficiosa entre as mellores empresas e produtos galegos e unha marca de garantía amparada pola Xunta de Galicia.

As empresas que na actualidade contan con algún produto adherido son: Adega dos Eidos, Aguas de Cabreiroá, Aguas de Mondariz-Fuente del Val, Avícola de Galicia, Bodegas Ruchel, Casa de Cacheiro, Casa Brandariz, Coren, Coruñesa de Etiquetas, Customdrinks, Explotación Agropecuaria de Vilane, Feiraco, Gallego Pereira, Gargalo, Hijos de Rivera, Hornos San Fiz, Hotel Augusta Spa Resort, Hotel Louxo, Ingapan, Jealsa-Rianxeira, Leche de Galicia, Luís Escurís Batalla, Materiales Cerámicos, Mergulladores de Longueirón de Fisterra, Paquito, Puerto Celeiro, Queixería Cas Leiras, Queserías Castillo de Pambre, Ramiro Martínez, Torre de Núñez, Auto-radio, Vidisco e Vilarvín. Os produtos adheridos de cada empresa poden consultarse na páxina web www.galiciacalidade.eu.

Redes sociales

Multimedia