Inicio / Noticias / Notas de prensa / O conselleiro de Innovación e Industria entrega mañá en Compostela o certificado de Galicia Calidade á cooperativa mergulladores de longueirón de Fisterra, S. Coop. Galega
03/07/2007.

O conselleiro de Innovación e Industria entrega mañá en Compostela o certificado de Galicia Calidade á cooperativa mergulladores de longueirón de Fisterra, S. Coop. Galega

As Navallas e Longueiróns de Fisterrra extraídos por mergulladores en apnea comercializados pola cooperativa baixo a marca "Cooperativa de Longueirón de Fisterra" incorpóranse deste xeito á marca de garantía galega.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2007.- Galicia Calidade S.A. vén de aprobar a incorporación da Cooperativa "Mergulladores de Longueirón de Fisterra, S. Coop. Galega" a esta marca de garantía para os seus produtos Navalla e Longueirón de Fisterra extraídos por mergulladores en apnea comercializados baixo a marca "Cooperativa de longueirón de Fisterra".

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o xerente de Galicia Calidade S.A., Ignacio Louzao farán entrega do certificado da marca de garantía ao Presidente da Cooperativa na Consellería de Innovación e Industria, mañá mércores 4 de xullo, ás 11,30 h. No acto procederase tamén á sinatura do contrato de licenza de uso da marca por parte da cooperativa.

O pasado vinte de xuño, o comité de certificación de Galicia Calidade, S.A. concedeu aos "Mergulladores de Longueirón de Fisterra, S.C.G.", a licenza de uso da marca de garantía Galicia Calidade, para as navallas e longueiróns de Fisterra, extraídos en apnea polos mergulladores da citada cooperativa, despois que Galicia Calidade, S.A. verificase o cumprimento dos requisitos establecidos para a concesión da licenza de uso, establecidos no prego de condicións realizado ao efecto.

Na concesión desta licenza de uso conflúen varios aspectos destacables doutras certificacións:
Os produtos navalla e longueirón de Fisterra ten un recoñecemento no mercado pola súa calidade, a isto engádese a técnica de extracción empregado: o mergullo en apnea. Ademais da dificultade física e do esforzo que require esta técnica, permite, por unha banda, unha mellor selección do produto que sae limpo de areas do mar, non sofren golpes nin danos, procurando no produto unha maior duración e conservación das súas características organolépticas, en estado óptimo.

A técnica de extracción é idóneo desde o punto de vista ecolóxico, e permite unha explotación sostíbel destes recursos mariños. Tamén se realiza polos mergulladores un recoñecemento continuo do estado dos fondos da Ría, de feito, os mergulladores de Fisterra ven a realizar labores de limpeza dos fondos da ría, para a mellora do medio mariño, e a conservación dos recursos.

Para a concesión da marca de garantía os mergulladores ten acreditado ante Galicia Calidade a realización dun sistema de xestión, que inclúe as capturas, a trazabilidade dos produtos, as prácticas hixiénicas de manipulación, e envasado.

A calidade dos produtos do mar procedentes das nosas rías, é un feito indiscutíbel no mercado e moi apreciado polo consumidor en todo o Estado Español, é por isto que lamentablemente prolifera o fraude na orixe destes produtos. Unha certificación como Galicia Calidade ten a procura da transparencia no mercado sobre o verdadeiro orixe dos produtos extraídos, e polo tanto unha garantía para a posta en valor destes no prezo razoable a súa calidade e ao esforzo realizado na súa extracción.

Detrás desta concesión de licenza de uso da marca de garantía Galicia Calidade está a iniciativa dunha cooperativa de mergulladores, que ten claro que a súa actividade e medio de vida pasa por a conservación e mellora do medio ambiente mariño, pola comercialización de produtos de calidade postos en valor nos mercados, e polo asociacionismo cooperativo, onde poder compartir recursos, realizar economía de escala, e poder desenvolver a inquietudes e aspiracións dun colectivo, os mergulladores de Fisterra que traballan no mar e para o mar.

Redes sociales

Multimedia