Inicio / Noticias / Notas de prensa / O triatleta galego Gómez Noya imponse na segunda proba da Copa do mundo de tríatlon
07/04/2008.

O triatleta galego Gómez Noya imponse na segunda proba da Copa do mundo de tríatlon

A superioridade do deportista patrocinado por Galicia Calidade quedou patente tras cruzar a liña de meta en solitario e aventaxar en máis de 30 segundos ao segundo clasificado

Javier Gómez Noya volveu presentar, unha vez máis, a súa candidatura ao ouro Olímpico de Pekín tras imporse na segunda proba da Copa do Mundo de Tríatlon disputada no día de onte na localidade de Plymouth, en Nova Zelanda. O atleta galego fixo un último tramo a pé impresionante onde logrou alcanzar aos escapados e aventaxar en máis de trinta segundos ao segundo clasificado, Brad Kahlefeldt.

A vitoria de onte fai que Gómez Noya se convirta no primeiro triatleta europeo que é capaz de gañar nove probas da Copa do Mundo, ademais de levar cinco probas consecutivas sen baixarse do caixón máis alto e dezasete podios consecutivos en competicións internacionais.

A diferencia do que acontecera a semana pasada na primeira carreira, Gómez Noya saiu da primeira parte, da parte a nado, en segunda posición. A continuación, na proba en bicicleta non conseguiu meterse na escapada boa que chegou a coller unha ventaxa de máis dun minuto de diferencia. Pero o atleta ferrolán non se deixou intimidar e na proba a pé, o seu forte, conseguiu, un a un, ir deixando aos seus rivais atrás e chegar en solitario á meta, ante o asombro do público congregado no circuito onde se disputou a proba.

Con esta vitoria, Gómez Noya encabeza en solitario a clasificación da Copa do Mundo cun total de 50 puntos sobre 50 posibles, pleno para o triatleta galego.

Redes sociales

Multimedia