Inicio / Noticias / Notas de prensa / O Xacobeo Galicia conquista A Volta a España por equipos
21/09/2009.

O Xacobeo Galicia conquista A Volta a España por equipos

O equipo ciclista galego, patrocinado por Galicia Calidade, proclamouse claro vencedor da proba que rematou onte en Madrid

O Xacobeo Galicia logra outro fito para o ciclismo galego ao proclamarse vencedor por equipos da Volta a España 2009, deixando, ademais, un selo de ambición e combatividade e un torrente de afecto alá por onde pasou a carreira e entre a afección galega, en particular. Ese recoñecemento quedou patente á conclusión da última etapa, cando grupos de simpatizantes chegados expresamente de Galicia, galegos residentes en Madrid e afeccionados ao ciclismo en xeral rodearon o coche do equipo para felicitar a corredores e técnicos.

Ese espírito de loita fíxose patente tamén na última xornada, con outra tentativa de vitoria a cargo de David García, integrado nunha fuga de seis corredores, anulada a catro quilómetros da última meta, no Paseo de la Castellana en Madrid, por un pelotón que buscaba a chegada ao sprint. Nesta acción Greipel (Columbia) sumou a súa cuarta vitoria de etapa.

O Xacobeo Galicia tamén estivo representado no podio final por Serafín Martínez, vencedor da clasificación do Sprint Solidario. Na clasificación xeral Ezequiel Mosquera, repóndose ao infortunio das caídas, logrou un excelente quinto posto, o mesmo que conseguira en 2007. Estes, unidos ao cuarto do 2008, confirman a gran regularidade do líder do conxunto galego. Foi, ademais, o ciclista con mellor rendemento nas etapas de alta montaña.

Alejandro Valverde (Caisse D´Epargne) foi o gañador final da Volta, por diante de Samuel Sánchez (Euskaltel - Euskadi) e de Cadel Evans (Silence - Lotto), que ocuparon a segunda e terceira posicións no podio.

Redes sociales

Multimedia