Inicio / Certificacións de orixe

Mel de Galicia

A Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia ampara o mel obtido da apicultura galega, procedente de colmeas mobilistas e extraído por decantación ou por centrifugación.O mel élle presentado ao consumidor en estado líquido ou sólido (cristalizado ou cremoso) e conserva todas as súas propiedades naturais.

A zona de produción, elaboración e envasado dos meles amparados pola IXP Mel de Galicia abrangue todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo a súa orixe botánica, o mel de Galicia pódese clasificar en:

  • Mel multifloral: posúe dende cores claras ata cores escuras. O sabor varía no grao de persistencia e intensidade, pero sempre presenta matices florais ou afroitados.
  • Mel monofloral de castiñeiro: de cor ámbar escura, pode presentar tons avermellados. Adoitan ser meles líquidos, con cristalización moi retardada, olor a malte e gusto intenso e persistente con lixeiras notas salgadas.
  • Mel monofloral de eucalipto: de cor ámbar, aromas céreos e sabor lixeiramente acedo e pouco persistente.
  • Mel monofloral de silva: de cor ámbar a ámbar escura, sabor moi afroitado, marcadamente doce e con aroma a froita.
  • Mel monofloral de queiroga: de cor ámbar escura ou de cor escura con tons avermellados, sabor lixeiramente amargo, intenso e persistente e aroma floral tamén persistente.
Datos técnicos (2014)
  • Produción comercializada: 297,8 toneladas
  • Apicultores: 313
  • Envasadores: 37
  • Valor económico: 2,08 millóns de euros

Redes sociais

Multimedia