Inicio / Certificacións de orixe

Pan de Cea

Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea certifica a produción do pan que se elabora no ámbito da zona protexida, nas instalacións inscritas no Rexistro do Consello Regulador, empregando fariña de trigo, auga, sal e fermento como únicas materias primas e respectando o proceso de elaboración tradicional, en fornos que reúnan as características típicas e específicas dos fornos da zona.

A zona de elaboración do pan amparado pola IXP Pan de Cea é a que abrangue o municipio de San Cristovo de Cea(Ourense). Nesta localidade vénse elaborando dende tempos moi remotos un pan cuxa excepcional calidade lle fixo acadar unha gran sona que acabou traspasando as fronteiras da súa comarca.

Características

As pezas de pan teñen forma alongada e arredondada nos extremos. No medio da parte superior presentan unha fenda transversal característica, que divide o pan en dúas partes iguais, avultadas e ensambladas.

A codia é grosa e de espesor variable, cunha consistencia dura e ríxida, con rotura crocante e con tendencia a facer láminas, cor dende dourada a castaño escura e sabor a tostado.

A miga ten textura esponxosa, fibrosa e firme. Presenta pouco alveolado, distribuído de forma irregular e de tamaño moi variable, cor apergamiñada e sabor intenso a trigo. As pezas preséntanse nos seguintes formatos:

  • Peza ou poia, entre 1 e 1,2 kg de peso
  • Media peza ou molete, entre 0,5 e 0,6 kg de peso.
Datos técnicos (2013)
  • Fornos de produción: 19
  • Produción certificada: 410.166 quilos
  • Valor económico: 881.749 euros

Redes sociais

Multimedia