Inicio / Certificacións de orixe

Pemento do Couto

A Indicación Xeográfica Protexida Pemento do Couto ampara os pementos da especie Capsicum annum L, dos ecotipos locais da variedade dese mesmo nome. O seu período de comercialización previsto vai dende o 15 de abril ata o 31 de outubro, aínda que se pode alongar ou acurtar en función das circunstancias meteorolóxicas ou das características do produto.

O pemento é colleitado en verde, en estado inmaturo precoz, para a súa comercialización en fresco. Debe ser de forma alongada, con tres ou catro cavidades no ápice; pesar entre 4 e 6 gramos por unidade e medir entre 4 e 8 centímetros de longo e 2 centímetros de ancho.

pel é verde escura e ten pouco brillo. A parede ou carne posúe un espesor que varía entre 1 e 1,5 centímetros, é de textura fina, de sabor doce, lixeiramente herbáceo, sen punxencia, con aroma de intensidade moderada e con escasa presenza de sementes.

A área de produción dos pementos amparados pola IXP Pemento do Couto inclúe os municipios de Ferrol, Narón, Valdoviño, Cedeira, Moeche, As Somozas, San Sadurniño, Neda, Fene, Mugardos e Ares, na provincia da Coruña.

Datos técnicos (2014)
  • Superficie inscrita: 3 hectáreas
  • Produtores: 20
  • Envasadores: 2
  • Produción comercializada: 48,3 toneladas
  • Valor económico: 145.000 euros

Redes sociais

Multimedia