Inicio / Certificacións de orixe

Ribeiro

A orixe do viño do Ribeiro remóntase á época romana, pero o seu esplendor chegou da man dos monxes do Císter, que se estableceron no mosteiro de San Clodio (Leiro) e levaron a cabo un inxente labor de reimplantación e estudos das vides.

A Denominación de Orixe Ribeiro está situada no bordo noroccidental da provincia de Ourense, nas confluencias dos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, e conta cunha extensión de 2.800 hectáreas de viñedo.

O viñedo esténdese dende os 75 ata os 400 metros de altitude por vales e ladeiras. Estas últimas ás veces presentan unha pendente moi pronunciada que se salva mediante terrazas que seguen as curvas de nivel.

O peculiar clima desta zona vese favorecido polas barreiras naturais e pola súa situación meridional en Galicia, que protexen o territorio das borrascas subatlánticas e proporcionan un ecoclima de transición oceánico-mediterráneo. Os solos teñen unha profundidade media de entre 70 e 100 centímetros e son fundamentalmente de orixe granítica con importante presenza de pedras e gravas.

Máis do 85% da produción do Ribeiro é viño branco. Estes caldos caracterízanse por seren limpos e transparentes, con tonalidades que van dende o pálido ao palloso e con reflexos verdosos. Posúen aromas florais, afroitados e balsámicos.

Os tintos, que supoñen menos do 15% da produción, teñen unha menor proxección e o seu consumo é doméstico. Presentan tons brillantes de vermello picota e reflexos violáceos, aromas afroitados e un intenso sabor aromático cun punto de acedume.

Variedades de uva

As uvas brancas preferentes son treixadura, palomino, torrontés, godello, macabeo, albillo, loureira e albariño.

Astintas preferentes son caíño, garnacha, ferrón, sousón, mencía, tempranillo e brancellao.

Datos técnicos (2015)
  • Superficie: 2.646 hectáreas
  • Viticultores: 5.812
  • Adegas: 107
  • Produción uva: 14.2836 toneladas
  • Viño cualificado: 8.427.600 litros
  • Valor económico estimado: 25.2 millóns de euros

Redes sociais

Multimedia