Inicio / Certificacións de orixe

Pemento da Arnoia

A Indicación Xeográfica Protexida Pemento da Arnoia ampara os pementos da especie Capsicum annuum, L, cultivados tradicionalmente na zona de produción. Deben proceder de parcelas inscritas no rexistro que xestionará o órgano de control da IXP e destinarse ao consumo humano e á comercialización en fresco.

Os froitos recóllense en verde (estado inmaturo intermedio) para seren comercializados en fresco. Tamén se poden recoller maduros (cor vermella) para a súa transformación en conserva. Só os primeiros están certificados pola IXP.

O aproveitamento do froito realízase cando este aínda non madurou. Ten forma cónica, acampanada, con 3 ou 4 cascos, 4 costelas e un número variable de septos lonxitudinais bastante patentes; un ápice fendido ou redondeado; a pel lisa e brillante de cor verde clara; un peso de entre 50 e 90 gramos por unidade; unha lonxitude de entre 7,5 e 11 cm e unha anchura aproximada de entre 5 e 7 cm. O pemento de Arnoia posúe un olor intenso e un sabor doce, con moi baixa punxencia.

Ámbito xeográfico

O ámbito xeográfico da zona de produción amparada pola IXP Pemento da Arnoia abrangue unha área de 23 quilómetros cadrados, constituída polo termo municipal da Arnoia e pola parroquia de Meréns (Cortegada), na comarca do Ribeiro (Ourense).


Redes sociais

Multimedia