Inicio / Certificacións de orixe

Queixo Tetilla

A Denominación de Orixe Protexida Queixo Tetilla ampara o queixo elaborado con leite de vaca das razas rubia galega, frisona e pardo-alpina. O leite que se emprega para a súa elaboración debe ser o produto natural e íntegro da muxidura de vacas sas, sen costros, conservantes nin produtos medicamentosos.

Tanto azona de produción do leite como a de elaboración do Queixo Tetilla abranguen todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. As pezas teñen un peso de entre 0,5 e 1,5 kg.

Características

O queixo amparado pola DOP Queixo Tetilla caracterízase pola súa forma cónica ou cónico-convexa. Presenta unha codia apreciable, fina e elástica, de menos de 3 mm de espesor, de cor amarela pallosa, natural e sen balor. A pasta é branda, cremosa e uniforme, con poucos ollos regularmente repartidos e de cor branca-marfil amarelenta.

O seu aroma, suave e lixeiramente acedo, lembra a materia prima co que está elaborado, ao igual que o seu sabor lácteo, manteigoso, lixeiramente acedo e suavemente salgado. O período mínimo de maduración deste queixo é de sete días dende a súa saída da salmoira.

Datos técnicos (2014)
  • Gandeiros: 2.188
  • Queixerías: 36
  • Produción: 1.392 toneladas
  • Valor económico estimado: 8,6 millóns de euros

Redes sociais

Multimedia