Inicio / Certificacións de orixe

Valdeorras

A tradición vitivinícola de Valdeorras remóntase á época romana. No ano 1945 recoñeceuse a Denominación de Orixe Valdeorras, que naceu coa vocación de traballar na recuperación de variedades autóctonas comogodello e mencía.

As zonas de produción ocupan gran parte das concas dos ríos Sil, Xares e Bibei na comarca de Valdeorras (Ourense), na parte máis oriental de Galicia. Nestas zonas o clima é máis seco ca no resto de Galicia, xa que combina a influencia atlántica con trazos da continental. Os solos son variados, dende os louseños, pasando polos graníticos, ata os que se asentan sobre sedimentos e terrazas.

O viño máis emblemático é o branco godello, de fino aroma afroitado, cor amarela dourada ou pallosa, boa estrutura en boca e cunha graduación alcohólica media de 12,5º. En tintos, destacan os caldos elaborados con mencía, de intensa cor púrpura e elegante aroma afroitado, lixeiros e saborosos, con bo equilibrio alcohol-acedume, apetitosos e de retrogusto intenso e prolongado.

Variedades de uva

As uvas brancas preferentes son godello, loureira, treixadura, dona branca, albariño, torrontés e lado. Como autorizadas figura a variedade depalomino.

As tintas preferentes son mencía, tempranillo, brancellao, merenzao, sousón, caíño, espadeiro e ferrón. Tamén figuran como autorizadas as variedades degarnacha, gran negro e mouratón.

Datos técnicos (2015)
  • Superficie: 1.171 hectáreas
  • Viticultores: 1.460
  • Adegas: 44
  • Produción uva: 6.554 toneladas
  • Viño cualificado: 4.061.400 litros
  • Valor económico estimado: 23,7 millóns de euros

Redes sociais

Multimedia