Inicio / Galicia Calidade

Galicia Calidade

Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que pola súa elaboración en Galicia, a súa materia prima ou o seu deseño galego, sexan merecentes dela, despois de contrastada mediante os controis establecidos.

Os produtos e servizos certificados pola marca Galicia Calidade cumpren os requisitos estipulados na súa normativa interna e foron certificados mediante auditorías propias que garanten a súa calidade, procedencia e deseño aos consumidores e usuarios.

Dende a súa creación (1995), o selo converteuse nunha referencia de confianza para os consumidores. Ademais, representa a identificación coa orixe dos produtos, o talento e a creatividade cos que son elaborados en Galicia, así como o compromiso coa calidade, que lles permite destacar nos mercados máis competitivos.

Galicia Calidade certifica unha ampla gama de produtos, tanto do sector agroalimentario, como da pesca, a artesanía, a xoiaría, o turismo ou a biomasa, entre outros. Tamén inclúe os produtos amparados polos selos de certificación de orixe, como as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas, etc.

A certificación dos produtos co selo Galicia Calidade tamén forma parte da estratexia da Xunta de Galicia para promover os produtos e servizos das empresas desta comunidade nos mercados internacionais, garantindo a súa calidade e a súa orixe, o que contribúe a xerar máis valor engadido.

Redes sociais

Multimedia