Feiraco foi fundada no ano 1969 co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento agrogandeiro dunha área xeográfica deprimida do interior de Galicia. A empresa xorde por iniciativa de 400 socios que, cun capital inicial de 2.400 euros, comezaron a comprar conxuntamente os cereais necesarios para alimentar o seu gando. Hoxe en día conta con 7.500 socios pertencentes a 30 concellos do contorno das instalacións centrais da cooperativa, situadas en Pontemaceira, Ames (A Coruña).
A actividade principal céntrase na recollida, envasado e comercialización de leite nas súas variedades clásicas (enteiro, semidesnatado e desnatado), leite Unicla e leite sen lactosa, batidos, natas, iogures fermentados despois da pasteurización, queixos... Outra actividade de grande importancia é a produción de pensos e fertilizantes.
Ás actividades principais hai que lles sumar todas as áreas que redundan de forma directa no socio, como a de gasóleos, economato, coxeración, servizos técnicos de asesoramento en nutrición e reprodución, fiscal, laboral, seguros...
Na actualidade, a misión de Feiraco céntrase na creación de valor para o socio, porque o feito de pertencer á Cooperativa só ten sentido cando o valor engadido retorna ao socio a través dunha retribución das súas producións superiores ao mercado e dunha prestación de servizos diferenciables.
Galicia Calidade, S.A.U.
Complexo administrativo de San Lázaro, s/n.
Edificio IGAPE 3o 15703 Santiago de Compostela
Telf.: +34 881 995 230
Fax: + 34 881 995 238
info@galiciacalidade.gal