Un total de 25 estudantes de primeiro curso dos estudos de Cociña e Gastronomía e de Dirección de Cociña colaboraron coa recoñecida cociñeira nun obradoiro da Aula Gastronómica Galicia Calidade
A Aula Gastronómica Galicia Calidade achegouse ata a cidade de Lugo no oitavo cociñado desta iniciativa formativa impulsada pola Xunta de Galicia. A cociñeira Lucía Freitas foi a encargada de amosar os produtos do selo galego ao estudantado dos primeiros cursos de Cociña e Gastronomía e de Dirección de Cociña a través dun obradoiro.
A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, salientou a importancia para os alumnos e alumnas de “coñecer a fondo e cociñar con produtos Galicia Calidade, que son referencia na alimentación”, como forma de apreciar os materiais de cara ao seu futuro profesional.
O menú proposto por Lucía Freitas e no que colaborou o estudantado do IES Sanxillao estivo composto de catro platos: empanada líquida de berberecho de Noia; escabeche cítrico de mexillón de Galicia e cabaza; solombo de porco curado en kombu con remolachas da horta; e tarta Exquisiña e xeado de kiwi atlántico.
As marcas colaboradoras nesta cita da Aula Gastronómica Galicia Calidade foron Cabo de Peñas, Coren, Feiraco, Galifresh, Kiwi Atlántico, Mariscos Alumar, Pazo de Vilane e Quescrem. A Fundación Artesanía de Galicia colaborou novamente coa iniciativa a través do seu proxecto Artesanía no Prato, mediante o cal se buscan sinerxías entre a alta cociña galega e os produtos artesáns, achegando neste caso a vaixela empregada no cociñado.
Con recoñecementos como unha estrela Michelín, dous soles Repsol e, máis recentemente, o galardón "Chef de L'Avenir" 2022 da Academia Internacional de Gastronomía á figura con máis futuro, Lucía Freitas é un dos referentes na gastronomía galega actual.
Galicia Calidade, S.A.U. Complexo administrativo de San Lázaro, s/n. Edificio IGAPE 3o 15703 Santiago de Compostela
Telf.: +34 881 995 230 Fax: + 34 881 995 238 info@galiciacalidade.gal