Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Feiraco celebra o seu 50 aniversario co recoñecemento a entidades e persoas importantes na súa traxectoria
25/10/2018.

Feiraco celebra o seu 50 aniversario co recoñecemento a entidades e persoas importantes na súa traxectoria

Máis de 300 persoas entre socios, clientes e colaboradores celebraron o medio século de historia de Feiraco cun acto institucional que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, entre outras destacadas personalidades institucionais

A Capela Real do Hostal dous Reis Católicos en Santiago de Compostela acolleu hoxe a celebración do 50 aniversario de Feiraco, certificada por Galicia Calidade e integrada recentemente en CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas), que quixo festexar cun evento conmemorativo o seu medio século liderando o sector lácteo galego desde o cooperativismo.

O acto, que estivo precedido por unha Ofrenda ao Apóstolo, reuniu a máis de 300 persoas entre socios, clientes e colaboradores de diferentes ámbitos, ademais dunha destacada representación institucional, co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o secretario xeral de Agricultura, Fernando Miranda; o conselleiro do Medio Rural; José González; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López.

“Feiraco é o exemplo de transición modélica dunha cooperativa social a unha empresa cooperativa competitiva e eficiente dentro dunha Economía Social solidaria. Hoxe CLUN recolle a luva de Feiraco para liderar o sector lácteo mirando ao escenario mundial e representa o maior proxecto agrogandeiro galego e un dos principais de España. Aquel que soñara o grupo de 400 gandeiros da comarca coruñesa de Barcala, encabezados polo xurista e intelectual agrarista, Jesús García Calvo, 50 anos atrás. As 10.000 familias que acolleu Feiraco neste medio século e os 3.500 socios actuais suman agora forzas, ilusión e traballo con Os Irmandiños e Melisanto para escribir o futuro de CLUN”, afirma o presidente de Feiraco, José Montes.

Entrega de medallas
Durante o evento fíxose entrega de recoñecementos a diferentes institucións e persoas que contribuíron ao desenvolvemento de Feiraco desde as súas diferentes áreas de influencia. No que respecta a institucións outorgáronse medallas ao Concello de Negreira, destacando entre os seus méritos acoller as primeiras reunións e asemblea constituínte, a primeira sede, e dispensar á cooperativa e ao seu presidente fundador todo o seu apoio e recoñecemento público. Tamén ao Concello de Ames pola súa colaboración continuada con Feiraco, desde a implantación do complexo fabril en Ponte Maceira, para o bo fin das súas actividades. Á Cooperativa Tapia, pola súa pertenza desde a fundación e a entrega continuada de leite durante cincuenta anos, á Universidade de Santiago de Compostela, que a través dos seus organismos, o Consello Social, o Idega, o premio García Calvo, a Aula Láctea, o Feuga, e outros grupos de investigación, foi colaboradora esencial no desenvolvemento estratéxico de Feiraco e á Cooperativa Agroalimentarias de España, polo seu papel primordial no desenvolvemento do cooperativismo agrario en España.

No que respecta ás persoas galardoadas, recoñeceuse a Celsa Pena Fajín, socia fundadora, pola súa fidelidade coa cooperativa á que leva entregando o leite da súa explotación láctea desde a súa fundación; a Maximino Viaño, como socio fundador, primeiro secretario e membro do primeiro Consello Reitor da cooperativa, impulsor dos sectores lácteo e cárnico de Galicia; a Julio Barbazán, socio fundador e membro do primeiro Consello Reitor; a Jesús Capeáns Carballo, vicepresidente do Consello Reitor e firme apoio do fundador Jesús García Calvo durante a súa permanencia de máis de tres décadas no Consello, a Manuel Mariño, como primeiro traballador da cooperativa, pola súa lealdade e dedicación continuada; a José Luís Antuña Álvarez, durante doce anos director xeneral de Feiraco, artífice do seu plan de viabilidade, do plan estratéxico da cooperativa, da creación de Acolat e da integración en CLUN, e a José Montes Pérez, impulsor de Feiraco desde a súa fundación en 1968 e actual presidente, fío condutor entre o pasado e o presente.

Feiraco tamén concedeu a súa medalla conmemorativa a Darío Villanueva, quen non puido acudir ao acto de entrega, polo seu impulso estratéxico á relación Feiraco-Universidade de Santiago de Compostela na súa etapa como reitor desta institución.

50 anos de historia en fitos
No transcurso do acto de aniversario, proxectouse o audiovisual “Feiraco, 50 anos liderando o lácteo galego”, que permitiu resumir en clave histórica os fitos máis destacados da historia da cooperativa.
A historia de Feiraco remóntase a finais dos 60, coas primeiras reunións lideradas por Jesús García Calvo. Os primeiros pasos a pé de campo levaron á inauguración da fábrica de pensos en Ponte Maceira, en 1970, toda unha innovación industrial que encaraba o futuro. Ademais, a moderna industrialización da época é visible co inicio do envasado de longa vida UHT e a inauguración da nova planta en Ponte Maceira. Os primeiros briks de Feiraco empezaron a chegar ás casas dos consumidores.

A inicio dos 80 faise visible o crecemento e a innovación con novos servizos para os socios. Comezaron a funcionar o economato, a gasolineira e o taller; tamén o asesoramento técnico, veterinario e agrónomo, á altura dos grandes proxectos empresariais. E a inauguración da nova fábrica de pensos de Feiraco escribiu un novo momento histórico.

En 1994, Feiraco celebrou as súas vodas de prata nun momento de cambios e unidos á ampliación de capital. Nese momento, o presidente García Calvo animou a enfrontarse sen medo ao reto da UE e ao sistema de cotas que impuña a política comunitaria. A pesar das súas moitas reservas, “ou estamos en Europa ou en ningures”, dicía. Un ano máis tarde, en 1995, naceu a Fundación Feiraco para impulsar a formación educativa, social e cultural de Galicia, a Responsabilidade Social Corporativa e a Investigación. Tamén xurdiu a revista corporativa que, durante máis de 20 anos, daría conta da evolución e o progreso de Feiraco.

O ano 2005 marcou o principio do gran cambio. Coa incorporación de José Luís Antuña como director xeneral creouse o proxecto “Feiraco século XXI” e púxose en marcha o plan de viabilidade. Tres anos despois, lanzouse ao mercado o leite Únicla, modelo de innovación a partir da alimentación animal.No ano 2009, Feiraco converteuse na cooperativa máis innovadora de Europa co I Premio Europeo á Innovación Cooperativa a entidade de Copa Cogeca (Bruxelas). E no ano 2012 Feiraco liderou o proceso de adquisición, xunto a outras nove cooperativas galegas integradas en ACOLACT, da planta de CLESA en Caldas de Reis.

2013 é outro ano de importantes fitos. En canto á dimensión comercial, destacou a adhesión ao convenio Produtos Lácteos Sustentables. Naceu o grupo Mulleres de Seu, iniciativa que traballa polo empoderamento da muller no rural. Arrincou o ciclo de xornadas técnicas para reunir a socios e profesionais e compartir as novidades e tendencias máis significativas do sector.
En 2015, o sector lácteo viviu un dos momentos clave na súa evolución e adaptación a novos escenarios internacionais co fin do réxime de cotas lácteas, que abriu a porta ao aumento da produción de leite en Europa e a novas oportunidades de mercado. E destacou a alianza coa cooperativa estadounidense Blue Diamond Growers para distribuír o leite de améndoas Almond Breeze en España, exemplo de diversificación e de apertura a novos segmentos do mercado.

A finais de 2016, Feiraco liderou, de novo, o sector cun gran proxecto de integración con outras dúas cooperativas de referencia en Galicia (Os Irmandiños e Melisanto) dando lugar ao nacemento de CLUN. Recibe a certificación AENOR en Benestar Animal para as súas granxas de Únicla, sendo pioneira en Galicia. O pasado ano 2017, a cooperativa revolucionou o mercado co seu novo envase Elopak, os primeiros envases certificados en Carbón Neutral, ademais de máis cómodo, innovador e sustentable; e convértese na primeira láctea que certifica con AENOR a pegada de carbono do leite, sumando así un novo logro na súa RSE.

Redes sociais

Multimedia