A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou que o stand de Galicia acollerá arredor de 54 presentacións de recursos, produtos e novidades, entre as que se atopan presentacións de concellos, deputacións, xeodestinos, presentacións gastronómicas, e presentacións deportivas, entre moitas outras
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro indicou que Galicia mostrará o mellor do seu territorio ben a través do Camiño de Santiago, ben a través da gastronomía, dos recunchos, das augas termais, do ecoturismo, da natureza, das festas de interese turístico nacional e internacional.Tamén a través das rías, os náuticos, as praias, as súas augas tanto no mar como nos seus ríos. En definitiva, mostrará que Galicia é un referente en turismo sostible e de calidade.
O stand de Galicia acollerá arredor de 54 presentacións de recursos, produtos e novidades, entre as que se atopan presentacións de concellos, deputacións, xeodestinos, presentacións gastronómicas, e presentacións deportivas, entre moitas outras. O stand ten maís de 1.000 metros cadrados e está situado no pavillón 9 do Ifema. O Goberno galego mantén o mesmo stand do pasado ano nun espazo que combina creatividade e sostibilidade, co obxecto de optimizar o gasto.
O stand está concebido co modelo circular das 4 R, (Reducir, Reutilizar, Reciclar e Recuperar), que forman parte das novas oportunidades que nos ofrece o turismo en Galicia. Concíbese como un conxunto escenográfico que transmite a Galicia como destino turístico sostible e de calidade, sendo un punto de encontro e de referencia para o sector turístico galego.
“A enogastronomía galega, baseada na calidade da materia prima do produto local e da súa cociña, forma parte do patrimonio de Galicia, da súa identidade e do seu estilo de vida, polo que resulta un recurso para situar á nosa Comunidade como un destino enogastronómico de primeiro nivel no mapa da excelencia. A enogastronomía é unha das primeiras preferencias dos viaxeiros que deciden visitar Galicia, e, por tanto, un dos recursos claves do modelo turístico galego”, indicou Nava Castro.
Galicia Calidade, S.A.U. Complexo administrativo de San Lázaro, s/n. Edificio IGAPE 3o 15703 Santiago de Compostela
Telf.: +34 881 995 230 Fax: + 34 881 995 238 info@galiciacalidade.gal