Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Bugno e outras glorias do ciclismo, na marcha Gran Fondo Ézaro, patrocinada por Galicia Calidade
21/06/2016.

Bugno e outras glorias do ciclismo, na marcha Gran Fondo Ézaro, patrocinada por Galicia Calidade

O exciclista Gianni Bugno será a gran estrela do Gran Fondo Ézaro Costa da Morte 2016, unha marcha ciclista que conta co patrocinio de Galicia Calidade

O exciclista italiano Gianni Bugno (Brugg-Suíza, 1964), vencedor do Giro de Italia (1990) e dúas veces campión do mundo Stuttgart (1991) e Benidorm (1992), será a gran estrela do Gran Fondo Ézaro Costa da Morte 2016, unha marcha ciclista que conta co patrocinio de Galicia Calidade.

Gianni Bugno estará moi ben acompañado na presente edición, xa que está confirmada a presenza doutras glorias deste deporte como Álvaro Pino, Óscar Pereiro, Ezequiel Mosquera, Blanco Villar ou David Blanco, ademais de Joseba Beloki, Ibán Maio, Ángel Casero ou Chechu Rubiera, entre outros.

Na presentación da proba ciclista ao pé da fervenza, o exciclista Ezequiel Mosquera confirmou que na proba, prevista para o 3 de xullo, adquire máis relevo coa presenza do corredor italiano, como ocorreu na pasada edición coa presenza de Miguel Induráin e Claudio Chiappucci. Bugno foi o gran rival de Induráin na década dos anos 90, xa que pelexaron polos cetros do Giro e o Tour en varias edicións. 

Na actualidade están anotados máis de 1.100 ciclistas, pero o peche das inscricións será a próxima semana, polo que os promotores esperan chegar aos 1.500 participantes, algo insólito na Costa da Morte. 

O percorrido, segundo José Vicente Formoso, director deportivo do Club Ciclista Dumbría, é máis esixente que o da pasada edición, ao incluírse a subida para Torea, no alto de Sestaio, con porcentaxes de 15%, antes de afrontar as ramplas do Ézaro. 

Ciclismo de calidade

En total serán 138 quilómetros con perfil ondulado para ir en dirección a Muxía (avituallamiento) e despois afrontar a parte esixente coa chegada de novo ao Ézaro, en baixada, e encarar As Paxareiras e regreso ao esperado momento de subir ao miradoiro do Ézaro. Case dous quilómetros de ascensión con ramplas do 29,5%. 

Galicia Calidade colabora coa celebración dunha proba na que se combina o recordo das grandes figuras do ciclismo coa promoción dunha paisaxe de beleza incalculable como é a fervenza do Ézaro e o Monte Pindo. Ademais, retoma a colaboración cun deporte que apoiou de forma intensa no pasado.  

Redes sociais

Multimedia