Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Máis dun cento de empresas alimentarias apostan por conquistar Bruxelas no marco do Galician Gourmet Extravaganza
04/03/2016.

Máis dun cento de empresas alimentarias apostan por conquistar Bruxelas no marco do Galician Gourmet Extravaganza

Galician Gourmet Extravaganza, coa colaboración de Galicia Calidade, tenta incrementar o negocio exterior do produtos de calidade de máis dun cento de empresas agroalimentarias en Bruxelas

Os produtos de calidade de máis dun centenar de empresas agroalimentarias protagonizan estes días en Bruxelas o Galician Gourmet Extravaganza, un evento de exposición e degustación que busca incrementar o negocio exterior do sector agroalimentario galego a través dos máis de 500 profesionais atraídos pola mostra. 

O evento, ao que asisitió o embaixador de España en Bélxica, Ignacio Matellanes, conta coa participación de Galicia Calidade, cun espazo de información e degustación de produtos das marcas certificadas. Ademais, tres empresas certificadas pola marca de garantía contarán cun espazo propio como son Señorío de Rubiós, Torre de Núñez e Xamóns González.

Algas e queixos, polbo e lacón, carnes e viños, mariscos e conservas son algúns dos alimentos de calidade que están a protagonizar, no Hotel Silken Berlaymont da capital belga, á beira da sede da Comisión Europea, a segunda edición dun evento que o ano pasado cultivou éxitos para os produtos agroalimentarios galegos en Londres. Conflúen na mostra marcas consolidadas, como a D.O.P. Ternera Gallega ou Conserveira Galega, ou de novas firmas que se están abrindo paso con presentacións innovadoras e de calidade como Curricán ou Benboa.

O evento expositivo e gastronómico conta coa participación de recoñecidos cociñeiros como Santi Almuiña, Diego López e Benigno Couso, que se ocupan da preparación dos menús para degustación que o hotel ofrecerá aos seus clientes, das sobremesas e das tapas que se servirán aos participantes nesta mostra gastronómica. Para completar a oferta, David Ortiz e Miguel Arbe serán os encargados de sorprender cos seus cócteles; e as catas de viños e licores serán dirixidas polo catador Luís Paadín.

Produtos de calidade

Na caseta da Xunta de Galicia estarán presentes, coordinados pola Consellería do Medio Rural, produtos das empresas que gañaron o ano pasado os premios de calidade nas catas de mel, viño, augardente, licores e queixos promovidos pola Xunta de Galicia.

A través do programa Galicia Exporta do Igape, dotado este ano con 8,5 millóns de euros, a Xunta dispón de instrumentos para apoiar o incremento das exportacións galegas, acompañando a presenza das empresas e organismos intermedios en eventos internacionais que, como Galician Gourmet Extravaganza, facilitan os contactos con importadores e a exploración de novas oportunidades de negocio en mercados internacionais.

O Galician Gourmet Extravaganza de Bruxelas abre unha rolda de exposicións e degustacións que este ano levará os produtos galegos de calidade a Zúric (Suíza) , Berlín (Alemaña), Londres (Reino Unido) e Nova York (EE UU). 

O obxectivo do evento Galician Gourmet Extravaganza é promocionar a gastronomía e os mellores produtos alimentarios galegos nos mercados internacionais, prioritarios para o tecido produtivo, presentándoos de forma creativa e nova , e contando para iso coa colaboración de destacados chefs.

Redes sociais

Multimedia