Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Conde salienta que Galicia inicia 2016 cun incremento do 6,5% nas súas exportacións
21/03/2016.

Conde salienta que Galicia inicia 2016 cun incremento do 6,5% nas súas exportacións

Galicia comeza o 2016 cun crecemento do 6,5% das exportacións en xaneiro con respecto ao mesmo mes do ano anterior, 4,4 puntos mais que a media estatal, que crece un 2,1%.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que Galicia comeza o 2016 cun incremento nas súas exportacións do 6,5% en xaneiro con respecto ao mesmo mes do ano anterior. 

Segundo os datos publicados polo Ministerio de Economía e Competitividade, o aumento das vendas ao exterior da comunidade supera en 4,4 puntos a media estatal, que rexistra un incremento do 2,1%. 

Galicia sitúase así como a quinta comunidade na que máis crecen as exportacións neste primeiro mes do ano. Este bo dato de xaneiro dá continuidade á tendencia do 2015, ano no que Galicia bateu unha vez máis o seu récord de exportacións, marcando o que é xa o seu mellor ciclo exportador. Así, a comunidade non só exportou un 5,6% máis que en 2014, senón que superou a marca histórica do 2013 nun 0,4%.

Estes resultados son posibles grazas ao esforzo do tecido empresarial galego, que seguirá contando coa aposta decidida do Goberno galego, recollida na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020. Con esta folla de ruta búscase incrementar as exportacións en máis dun 25% ata 2020, e facer de Galicia un foco de atracción de investimentos especializado en sectores e países concretos.

Redes sociais

Multimedia