Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Conde destaca que a cooperación do Igape coas denominacións de orixe permitirá triplicar as vendas de viño galego a Alemaña
23/02/2016.

Conde destaca que a cooperación do Igape coas denominacións de orixe permitirá triplicar as vendas de viño galego a Alemaña

O Igape prevé que o plan de cooperación coas denominacións de orixe permitirá triplicar, nun período de dous anos, as exportacións de viño e licores galegos a Alemaña

A Consellería de Economía, Emprego e Industria espera triplicar as exportacións de viños e licores galegos a Alemaña no período de dous anos, tras o desenvolvemento da estratexia de axuda á exportación prevista polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), baixo o amparo da marca  paraugas Galicia Calidade.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, explicou na presentación do plan de promoción internacional dos viños galegos que, segundo os datos das denominacións de orixe, no 2014 un total de 80 adegas galegas exportaron a Alemaña máis de 600.000 litros por un valor de 2,8 millóns de euros, unhas cifras que o plan prevé triplicar ao final de 2017.

O plan de promoción, impulsado en colaboración coas denominacións de orixe das Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra, así como Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, céntrase no seu inicio no mercado alemán, dado o especial interese que esperta para os produtores. Actualmente, Alemaña ocupa o cuarto posto entre os principais consumidores do mundo, e que é o terceiro país importador de viños a nivel internacional. 

Ao mesmo tempo, tal e como indicou o conselleiro, "trátase dun mercado no que é difícil introducirse", por iso é polo que, segundo apuntou, "establecer unha estratexia planificada de forma conxunta incremente as posibilidades de éxito" dos viños e licores galegos.

Marca paraugas Galicia Calidade

Ao amparo desta iniciativa, desenvolveranse diferentes accións de promoción no mercado alemán baixo o paraugas da marca Galicia Calidade, orientadas tanto ao sector profesional como ao consumidor final, co obxectivo de incrementar o nivel de coñecemento, reputación, presenza e consumo dos viños galegos. 

O primeiro fito dentro deste plan terá lugar en Düsseldorf do 13 ao 15 de marzo na feira profesional Prowein 2016, un encontro que o ano pasado recibiu máis de 50.000 visitantes onde os viños e licores galegos contarán cun espazo de 200 metros cadrados no pavillón do ICEX.

Francisco Conde resaltou que as accións previstas no plan de promoción dos viños galegos en Alemaña contribuirán tanto a reforzar este sector estratéxico como a afianzar as exportacións da comunidade, que vén de rexistrar un novo récord en 2015 cunhas vendas ao exterior que sumaron 18.831 millóns de euros, alcanzando tamén as 2.229 empresas exportadoras regulares, o que supón tamén unha marca histórica.  

Récord de exportacións

Tal e como destacou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, só no último ano Galicia exportou 42,3 millóns de euros en viño, un 6,1% máis que en 2014, o que, segundo Conde, deixa constancia "da calidade dos nosos produtos agroalimentarios como mellor garantía para chegar a novos mercados, do saber facer da nosa industria, e do esforzo das nosas empresas por buscar novas oportunidades de negocio".

Para seguir avanzando na internacionalización das pemes galegas, Conde subliñou que en 2016, o Igape activou axudas por preto de 10 millóns de euros, apoiando a contratación de xestores e poñendo o foco no impulso á cooperación empresarial para incrementar as exportacións.

Neste sentido, subliñou que a unidade de acción é clave para avanzar na chegada a novos mercados, destacando que iniciativas como ésta, "na que todo un sector vai da man para lograr un obxectivo común" teñen boa parte do éxito asegurado.

Redes sociais

Multimedia