Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Conde destaca que o selo Galicia Calidade reforza o prestixio de Paco & Lola e recoñece o bo facer do sector vitivinícola
28/12/2015.

Conde destaca que o selo Galicia Calidade reforza o prestixio de Paco & Lola e recoñece o bo facer do sector vitivinícola

Conde destaca o compromiso da adega Paco & Lola, que conta xa co selo Galicia Calidade, coa calidade dos seus viños, que lle permite exportar o 40% da súa produción a 40 países

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou no acto de entrega do selo de garantía Galicia Calidade a Adegas e Viñedos Paco & Lola, que este distintivo reforza o prestixio da adega, á vez que recoñece o bo facer do sector vitivinícola galego. 

"O selo Galicia Calidade representa unha forma distinta e galega de facer as cousas que ten o seu recoñecemento no mercado, e que por tanto supón unha oportunidade para o noso tecido produtivo", incidiu o conselleiro. 

Neste contexto, o titular de Economía, Emprego e Industria destacou que o compromiso de Paco & Lola coa calidade dos seus viños está a impulsar o seu proceso de internacionalización, xa que a empresa exporta na actualidade o 40% da súa produción e está presente en 40 países, entre os que destacan Estados Unidos, Reino Unido ou Holanda. 

"Galicia Calidade achega esa vinculación entre territorio e calidade" para favorecer a actividade empresarial nos mercados internacionais, dixo Conde, polo que pode "achegar un valor engadido á estratexia de internacionalización da adega". 

Deste xeito, a marca Galicia Calidade e Paco & Lola vinculan o seu prestixio, e dan un paso máis no recoñecemento do sector vitivinícola galego, que incorpora xa o selo 13 adegas das 5 denominacións de orixe: Rías Baixas, con Adega Eidos, Adegas Altos de Torona, Adegas Valdés, Vilarvín, Señorío de Rubiós, e agora Adega Paco & Lola; Monterrei con Quinta do Buble e Gargalo; Ribeiro con Adegas Nairoa; Valdeorras con Adegas Ruchel e A Coroa; e Ribeira Sacra con Regina Viarum e Vía Romana.

A industria vitivinícola está a contribuír así dun modo moi importante ao impulso da marca Galicia Calidade, que suma xa 55 empresas e máis de 350 produtos certificados; e que no marco da Estratexia Galicia Calidade 2014-2016, subliñou Conde, chegou nos últimos meses a outros sectores da economía galega como o granito, a biomasa ou o turismo.

Economía social

Paco & Lola configúrase como a cooperativa máis importante por número de socios da denominación de orixe Rías Baixas, o que reflicte as enormes posibilidades da economía social. 

Neste sentido, o Consello da Xunta aprobou recentemente a primeira Lei de Economía Social de Galicia, que regulará un sector que aglutina a máis de 7.000 entidades, promovendo especialmente o cooperativismo xuvenil, e que ofrece grandes posibilidades para contribuír ao crecemento económico de Galicia desde o rural.

Escoitar audio

Redes sociais

Multimedia