Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Conde subliña que o selo Galicia Calidade reforzará a competitividade do sector do granito galego mellorando o seu posicionamento internacional
10/07/2015.

Conde subliña que o selo Galicia Calidade reforzará a competitividade do sector do granito galego mellorando o seu posicionamento internacional

O obxectivo é que as compañías aproveiten o impulso global da marca para obter unha maior cobertura, en consonancia coa Estratexia Galicia Calidade 2014-2016, ademais de potenciar o liderado dun sector que se configura como o segundo máis importante de Europa e o quinto do mundo

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, o presidente do Clúster do Granito, Guillermo Pérez Aboy, e a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito asinaron, xunto ao xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, un acordo que permitirá incorporar o selo de Galicia Calidade ao sector, reforzando a súa competitividade ao funcionar como aval da excelencia das empresas. 

Unha iniciativa, subliñou Conde, que contribuirá a mellorar o posicionamento internacional dun sector que, o ano pasado, acadou un record histórico exportador ao sumar 113 millóns de euros, un 3,14% máis que no 2013. “A calidade e a reputación do granito galego é de todos coñecida, facendo del un dos nosos sectores máis competitivos”, incidiu Conde, quen destacou que esta industria e líder indiscutible a nivel nacional, situándose como a segunda máis importante de Europa, tras Italia, e a quinta do mundo.

Así mesmo, explicou, o sector está a apostar pola innovación ocupando un lugar destacado na Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3, que ten entre os seus retos o desenvolvemento dun novo modelo de xestión dos recursos naturais. Un compromiso coa innovación que, segundo destacou Conde, sitúa ao granito na posición adecuada para xogar un papel fundamental na reindustrialización de Galicia promovida polo Goberno galego a través da Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0.

Impulso da competitvidade

Neste contexto, proseguiu, o selo Galicia Calidade, non só potenciará a propia marca de calidade que xa está a desenvolver o Clúster para o granito rosa Porriño, senón que mesturará “o impulso da marca galega máis internacional coas potencialidades dun sector netamente exportador”, diferenciándoo aínda máis dos seus competidores.

O conselleiro resaltou que o acordo posibilitará que la marca, que representa unha “forma distinta e galega de facer as cousas” e suma máis de 52 empresas e 300 produtos, reforzará o compromiso das empresas por ofrecer os mellores produtos e servizos. En concreto, Conde resaltou que a concesión do selo permitirá por o foco no impulso da competitividade das empresas. Neste sentido, lembrou, este ano Galicia Calidade xa ten ampliado o eido de acción a ámbitos como a biomasa ou o turismo.

O titular de Economía e Industria subliñou que desta maneira as mellores empresas galegas do granito poderán aproveitar o impulso dunha marca, a de Galicia Calidade, “recoñecida non só en toda España senón tamén no eido internacional”, grazas á presenza global de produtos únicos galegos, como é o caso do rosa Porriño. Así, defendeu, Galicia aproveitará a asociación que os consumidores fan hoxe entre produto galego e calidade, para trasladar esa mesma percepción ao ámbito do granito e potenciar a capacidade exportadora das empresas.

“Todos estes obxectivos queremos acadalos, unha vez máis, desde a unidade de acción entre a administración e o sector”, salientou o titular de Economía e Industria, quen explicou que o acordo de hoxe reforza un traballo conxunto que nos últimos anos ten permitido mobilizar 20 millóns potenciando a innovación e impulsando a vocación internacional do sector.

Redes sociais

Multimedia