Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Coren inaugura a primeira planta enerxética de biomasa gandeira de Galicia
06/04/2016.

Coren inaugura a primeira planta enerxética de biomasa gandeira de Galicia

A planta supuxo un investimento de tres millóns de euros, dos que 500.000 foron financiados pola Xunta, e permitirá dar saída aos residuos das explotacións avícolas

O Grupo Coren, que conta co certificado Galicia Calidade, puxo en marcha a primeira planta enerxética de biomasa gandeira de Galicia. A planta, que supuxo un investimento de tres millóns de euros dos que 500.000 foron financiados pola Xunta, permitirá dar saída aos residuos das explotacións avícolas, xerando enerxía que se destinará ao funcionamento da planta de procesado de Coren, xa que os residuos transformaranse en vapor. 

A nova instalación, situada en Santa Cruz de Arrabaldo e que utiliza a tecnoloxía máis avanzada de España na materia e unha das máis modernas de Europa, foi inaugurada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e o presidente de Coren, Manuel Gómez Franqueira. Ambos destacaron a súa moderna tecnoloxía e o feito de que vaia a funcionar sen emisións contaminantes ao medio ambiente

Esta planta permitirá, en termos empresariais, satisfacer o 60% do gasto enerxético que demanda a planta de procesado de Coren, evitando o consumo de case 2,5 millóns de quilos de combustible fósil, o que evitará a emisión de 7.500 toneladas de CO2 á atmosfera. 

O proceso consiste no aproveitamento como materia prima, segundo foi explicando o presidente de Coren, da denominada "cama dos pitos", é dicir as labras, palla, as deposiciones da aves ou as cascas de arroz que se van producindo durante os procesos de cría das aves, para logo utilizalos como combustible para a produción de vapor que, unha vez rematado o proceso converterase en calefacción para alimentar as necesidades da nave de Santa Cruz de Arrabaldo cuns 37.000 metros cadrados de superficie.

Un proceso limpo

A planta conta cunha "tecnoloxía innovadora, desenvolvida por Coren que foi seleccionada despois de analizar as distintas alternativas existentes a nivel europeo, tendo en conta a súa fiabilidade e flexibilidade ao uso", explica a empresa. O obxectivo non é xerar riqueza senón desfacerse de forma limpa e segura dos seus residuos, informa o grupo Coren.

Así, e a través dunha caldeira destinada á combustión de residuos gandeiros coa tecnoloxía máis avanzada de España e a única que garante a súa combustión completa, xeraranse 2,8 megavatios de vapor e uns 4.000 quilos de vapor á hora.

Redes sociais

Multimedia