Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Coren prevé duplicar a produción da gama Selecta en tres anos
27/11/2015.

Coren prevé duplicar a produción da gama Selecta en tres anos

Coren prevé duplicar a produción da gama Selecta nun período de tres anos, segundo establece o plan estratéxico 2016-2018 para o desenvolvemento dos produtos de porco alimentado con castaña.

O grupo Coren presentou o seu plan estratéxico 2016-2018 para o desenvolvemento da gama certificada por Galicia Calidade Selecta,  composta por carne e elaborados de porco alimentado con castañas, e que prevé duplicar a produción nun período de tres anos.

O lanzamento da gama Selecta realizouse en 2013 e, dous anos máis tarde, comercializáronse xa 11.400 toneladas de carne, 62.400 unidades de xamón curado e 57 toneladas de lacón galego.

Esta gama de alto valor engadido baséase na cría dun porco seleccionado, cunha alimentación natural que se completa con castañas peladas e cocidas nun réxime semiextensivo. En definitiva, tratábase de trasladar ao porco branco a filosofía de cría do ibérico.

Tras esta fase inicial, a cooperativa prepara o despegamento de Selecta nos próximos tres anos, nos que confía en duplicar a súa produción de carne, ata as 22.800 toneladas, mentres que o volume de xamón curado multiplicarase por tres ata os 208.000 xamóns. Igualmente, potenciarase a produción de lacón cocido, ata obter 377 toneladas.

Este ambicioso plan esixirá elevar a demanda de castañas (ata 3.100 toneladas), o que converte a Coren nun dos principais demandantes de castaña en Galicia e contribúe á dinamización do sector.
Exportación 

Coren quere seguir potenciando as súas vendas no exterior, especialmente en Xapón, onde o produto Selecta é moi apreciado. Por iso, co obxectivo de incrementar a súa produción e adaptar a oferta ás necesidades e características da demanda doutros mercados, o grupo está a realizar investimentos nas súas industrias por valor de 4,5 millóns de euros, incorporando novos equipos para responder con eficiencia á demanda de terceiros países.

O grupo cooperativo prevé facturar por este negocio 100 millóns de euros en 2018, fronte aos 40 millóns actuais. 

Redes sociais

Multimedia