Inicio / NOVAS / Notas de prensa / O Colexio Oficial de Xoiaría e Galicia Calidade convocan aos escolares galegos a deseñar unha xoia para as súas nais
02/03/2016.

O Colexio Oficial de Xoiaría e Galicia Calidade convocan aos escolares galegos a deseñar unha xoia para as súas nais

O Coxga e Galicia Calidade animan aos escolares galegos a deseñar unha xoia coa que agasallar ás súas proxenitoras para celebrar o Día da Nai

O Colexio Oficial de Xoiería de Galicia (Coxga) convoca un concurso escolar co fío condutor de deseñar unha xoia coa que agasallar ás nais para animar a escolares de Galicia a introducirse no mundo do deseño de xoias e achegarse a unha profesión de gran arraigamento nesta comunidade, que se distingue pola conxunción de tradición e innovación. 

Trátase do certame Deseña unha xoia para a túa nai, dirixido  a escolares de infantil e primaria de Galicia, con ocasión da celebración do Día da Nai. A mecánica do concurso, que se organiza coa colaboración de Galicia Calidade, establece que os escolares teñen de prazo ata o 31 de marzo para realizar os debuxos da xoia que quererían regalar á súa nai. 

Pasado ese prazo, o xurado selecciona os mellores deseños, tres por cada unha das catro categorías establecidas, que diferencian ao alumnado por idades, de 0 a 4 anos, de 5 a 7, de 8 a 10 anos e de 11 a 12 anos de idade.

Este divertido proceso de creación culmina coa selección de 80 deseños finalistas e entre eles os 12 gañadores, que teñen como premio a execución dos seus deseños a cargo de xoieiros de Galicia. Deste xeito, os pequenos artistas ven unha aplicación práctica da súa creatividade, mediante unha acción que serve de apoio á súa formación escolar

Gala de entrega de premios 

O fallo do xurado e a entrega dos premios ás novas promesas da creación en xoiería terá lugar nunha gala que se celebrará o 22 de abril e á que asistirán os 80 finalistas, acompañados polas súas nais, para descubrir con sorpresa no trascurso do acto o nome dos 12 artistas gañadores. 

Esta iniciativa está concibida no marco da estratexia de responsabilidade social corporativa do Coxga, co obxectivo de impulsar a expresión artística desde unha idade cedo e espertar nos nenos e nas nenas a curiosidade polo mundo do deseño e achegar ao conxunto da sociedade unha profesión de gran tradición en Galicia.

Redes sociais

Multimedia