Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Éxito da campaña de Vegalsa-Eroski de promoción de produtos Galicia Calidade, cun incremento do 8% das súas vendas
20/06/2017.

Éxito da campaña de Vegalsa-Eroski de promoción de produtos Galicia Calidade, cun incremento do 8% das súas vendas

Logrou incrementar nun 8% a venda das 214 referencias certificadas por Galicia Calidade e máis de 8.000 persoas participaron nos concursos da campaña

A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski concluíu con éxito a campaña de promoción dos produtos amparados polo selo de garantía Galicia Calidade, tras convertelos, durante a primeira quincena de xuño, en protagonistas indiscutibles dos lineais das súas insignias Eroski/Center, Híper Eroski, Autoservizos Familia, Eroski City e Cash Record.

Durante o tempo que se mantivo activa a campaña, Vegalsa-Eroski logrou incrementar nun 8% a venda das 214 referencias certificadas por Galicia Calidade coas que conta nos seus lineais a empresa respecto da mesma quincena do ano anterior.

Vegalsa Eroski seguirá apostando polos produtos con este selo de garantía, reforzando a súa visibilidade nos folletos comerciais e tamén nas bolsas corporativas da compañía cunha tirada especial na que se incluirá o logotipo de Galicia Calidade. "Non pode ser doutra maneira xa que en Vegalsa-Eroski mantemos unha firme aposta polos provedores galegos e polos produtos de calidade e así o demandan tamén os nosos clientes", explica a directora de RSC e Cliente de Vegalsa-Eroski, Gabriela González. "De feito foron os nosos clientes quen nos transmita a súa satisfacción por esta iniciativa xa que lles permitiu achegar a súa cesta da compra aos produtos de calidade diferenciada" afirma.

Programa de promoción 

Vegalsa-Eroski puxo o broche final ao  intenso programa de promoción da campaña cunha cata de viños certificados Galicia Calidade, dirixida pola enóloga Cristina Murga, o pasado día 15, no Cash Record do Polígono de A Grela (A Coruña), na que participaron preto de medio centenar de persoas. 

Unha ampla acollida que foi a tónica que se repetiu en todas as accións que a compañía levou a cabo nas insignias das diferentes provincias galegas durante os 15 días que durou a campaña e na que se contemplaron showcookings e catas de produto. 

Exemplo diso foi o almorzo Galicia Calidade realizado da man do coñecido barista Óscar de Toro, no  Eroski Center de García Barbón, en Vigo, no que participaron máis dunha vintena de amas de casa da cidade olívica. Ou o showcooking con produtos certificados por Galicia Calidade que se organizou da man de Benigno Campos de Larpeiros, na Feira Internacional de Galicia Abanca, contando co apoio institucional da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias da Xunta de Galicia, Belén do Campo

Mención especial merecen tamén os sorteos de produtos Galicia Calidade que levaron a cabo e que se comunicaron puntualmente a través das redes sociais do distintivo de garantía. Concretamente nesta campaña máis de 8.000 persoas participaron no sorteo diario dunha estancia nun establecemento hostaleiro certificado por Galicia Calidade.

Aposta polos provedores galegos

Vegalsa-Eroski incrementa cada ano o seu compromiso cos provedores galegos. En 2016 a compañía destinou 270 millóns de euros a compras de provedores galegos, 10 millóns máis que en 2015, o que supón un aumento do 3,8%.

Incrementar, por tanto, as compras a provedores de proximidade permitiu a Vegalsa conseguir que, na actualidade, preto do 31% dos produtos dos seus lineais sexan galegos, dándolles así maior protagonismo nas súas tendas. 

Sobre Vegalsa-Eroski

Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 258 establecementos entre propios e franquiciados baixo as insignias de Eroski/Center, Eroski/City, Hipermercados Eroski, Autoservizos Familia e Aliprox. A súa estrutura comercial en Galicia esténdese polas 4 provincias galegas e conta cunha moderna plataforma de mercadorías xerais, situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense. 

Pola súa banda, a división de Autoservizos Cash Récord de Vegalsa-Eroski conta cun mapa comercial composto por 19 centros distribuídos homogéneamente entre Galicia e Asturias, con fáciles e rápidos accesos en áreas empresariais con boas comunicacións.

Redes sociais

Multimedia