Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Feijóo anuncia unha alianza coas Denominacións de Orixe para promover baixo a marca Galicia Calidade a internacionalización dos viños galegos, con accións que comezarán no mercado alemán
22/05/2015.

Feijóo anuncia unha alianza coas Denominacións de Orixe para promover baixo a marca Galicia Calidade a internacionalización dos viños galegos, con accións que comezarán no mercado alemán

Di que esta actuación desenvólvese ao abeiro dun protocolo de colaboración entre o Igape e os consellos reguladores das Denominacións de Orixe Rías Baixas, O Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras e Augardentes e Licores de Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, unha alianza coas denominacións de orixe para promover a internacionalización dos viños galegos, con accións que comezarán no mercado alemán. “Aprobamos a promoción internacional dos viños e licores galegos amparados polas distintas Denominacións de Orixe que impulsaremos durante dous anos, 2015 e 2016”.

Como destacou o mandatario galego, trátase dunha “actuación pioneira” que se desenvolve ao abeiro dun protocolo de colaboración entre o Igape e os consellos reguladores das Denominacións de Orixe Rías Baixas, O Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras e Augardentes e Licores de Galicia.

Feijóo precisou que o plan centrarase no seu primeiro ano en Alemaña, país seleccionado polos profesionais da viticultura dado o seu especial interese para os produtores por ser un mercado próximo, de fácil acceso e cun importante potencial consumidor de máis de 90 millóns de persoas.

Logo de salientar que en 2014, un total de 80 adegas galegas exportaron cara este mercado máis de 600.000 litros por un valor de 2,8 millóns de euros, o titular do Goberno galego explicou que o obxectivo é triplicar no 2017 as exportacións das adegas galegas ao mercado alemán, mantendo os prezos medios das bebidas.

Para lograr incrementar estas cifras, baixo o amparo e o renome da marca Galicia Calidade, o responsable autonómico afirmou que se desenvolverán distintas accións promocionais para dar a coñecer neses mercados os viños de Denominación de Orixe galegos e así incrementar as vendas daquelas adegas ou Denominacións que xa comercializan os seus produtos ou que van intentar entrar no mercado de Alemaña.

Redes sociais

Multimedia