Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Núñez Feijoo destaca que deportistas como Gómez Noya constrúen "unha marca de país baseada no esforzo e na superación"
13/05/2016.

Núñez Feijoo destaca que deportistas como Gómez Noya constrúen "unha marca de país baseada no esforzo e na superación"

O presidente da Xunta subliña que os deportistas galegos reúnen valores como a "capacidade de traballo, a visión a longo prazo e o sacrificio"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou os valores que abandera o deporte e deu as grazas aos galardoados cos Premios do Deporte Galego da tempada 2015 por "contribuír a construír unha marca de país baseada no esforzo e na capacidade de superación", entre os que se atopa o triatleta Javier Gómez Noya, colaborador de Galicia Calidade.

Núñez Feijoo recoñeceu que atopa no deporte moitos dos valores necesarios para todas as facetas da vida. "A capacidade de traballo, a visión a longo prazo e o sacrificio son todos eles valores capaces de tirar da sociedade cara adiante", dixo. "Galicia non ten que buscar moi lonxe eses referentes tan necesarios, xa que basta -proseguiu- con mirar aos premiados".

Nesta liña, destacou que Teresa Portela, Susana Rodríguez Gacio, Javier Gómez Noya, Martín de lana Puente ou Daniel Pérez Morais levaron o nome de Galicia polo mundo enteiro do mesmo xeito que tamén o fixeron o Clube Balonmán Mecalia Atlético Guardés, o Club Ourense Baloncesto SAD e o Darlim Racing Chapela, que conseguiron facer das súas vitorias éxitos de todos.

Así mesmo resaltou o labor do Club Ciclista de Maceda, que demostra que en Galicia temos canteira; e as traxectorias de Adrián Ben e Miguel Alvariño, dúas promesas do deporte que darán moito que falar.

Implica a toda a sociedade

Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que o deporte é unha actividade capaz de implicar a toda a sociedade, como proba o Gran Premio Internacional de Marcha Atlética Cantóns da Coruña, "un evento que consegue mover a unha cidade enteira". E destacou, tamén, o labor de patrocinio de Abanca e o traballo que desempeña en Ourense o suplemento Deporte da Rexión, "relatando os fitos máis próximos e poñéndoos en valor".

Despois de recoñecer a profesionalidade de Rafael Vázquez López e de María Bautista Maestre, o titular da Xunta puxo en valor a implicación do Concello de Arteixo, de Alcer Coruña e do IES de Mugardos para promover unha vida activa e saudable.

Neste contexto, afirmou que Galicia está en forma. Non en balde a comunidade pasou de ter 243 deportistas de alto nivel en 2009 a conseguir os 355 este ano; e, no deporte do día a día, fai falta destacar que, entre 2007 e 2014, a práctica de actividade física incrementouse en máis de quince puntos.

Vía Xunta de Galicia

Redes sociais

Multimedia